A USC afrontará o vindeiro curso con capacidade de adaptación as necesidades derivadas da COVID-19
![Normalidade adaptada, distanciamento e peche de instalacións son os tres posibles escenarios previstos nas directrices para unha docencia segura. Foto: Santi Alvite Detalle na actualidade dunha biblioteca do Campus. Foto: Santi Alvite](/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/image/2020-06/bibliotecas-nueva-normalidad-02.jpg?h=0b231ac9&itok=-q4hHvwE)
A USC afrontará o vindeiro curso 20/21 apoiada nunha serie de ferramentas que permitan a mellor adaptación posible ás necesidades dunha realidade cambiante por mor da COVID-19. Neste senso, a Comisión para a Planificación Docente definiu as Directrices para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura para o curso 2020-2021, un documento que acaba de ser obxecto de análise por parte da comunidade universitaria. As achegas dos distintos colectivos atópanse integradas no texto que constituirá o marco de referencia da Universidade á hora de afrontar o próximo ano académico en base a tres posibles escenarios: normalidade adaptada, distanciamento e peche de instalacións.
Estas directrices, xunto coas ‘Bases para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura’ elaboradas polo Comité para a Seguridade Sanitaria e aprobadas polo Consello de Goberno, en opinión do reitor Antonio López “poñen en valor o aprendido no segundo cuadrimestre do curso que agora remata ao tempo que definen escenarios de actuación e medidas que permitirán afrontar con garantías a docencia presencial no curso 2020-2021”. Como sinala o reitor, “somos unha Universidade presencial” e os documentos definidos “permitirannos, a bo seguro, xestionar con garantías a docencia na realidade que nos toque vivir”.
Tanto as directrices como as bases son froito do diálogo do Comité e da Comisión con todos os colectivos que compoñen a comunidade universitaria que, ademais, contribuíron á mellora do seu contido con achegas. Os principios básicos en que se asentan inclúen o respecto ao carácter presencial da docencia na USC, a necesaria flexibilidade para a adaptación da actividade universitaria aos diversos escenarios, que atenda ás diferenzas entre as titulacións que se imparten nos seus campus; así como a responsabilidade, tanto individual como colectiva, de todos os axentes que conforman a comunidade universitaria.