Ir o contido principal

USC e AGADEA establecen un marco de colaboración para o desenvolvemento de diversas actividades

O reitor e a presidenta de AGADEA asinaron o convenio en San Xerome. Foto: Santi Alvite
O reitor e a presidenta de AGADEA asinaron o convenio en San Xerome. Foto: Santi Alvite
O reitor da USC e a presidenta da entidade asinaron este mércores un convenio marco, co que se avanzará na investigación en saúde bucodental e demencias

O reitor da USC, Antonio López, e a presidenta da Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), Mª Isabel Gey Pérez, asinaron este mércores un convenio marco para a colaboración en actividades culturais, científicas, pedagóxicas, de investigación e cantas outras que sexan de interese para as dúas partes. O acordo supón un paso adiante no compromiso común coa mellora da calidade de vida das persoas con Alzhéimer a través da investigación, a docencia e a transferencia de coñecemento.

Segundo o acordado, e cunha vixencia de 4 anos prorrogables, ambas as dúas entidades poderán cooperar en programas de formación de persoal investigador e técnico e na execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento. 
O convenio tamén abre novas oportunidades para actividades de voluntariado universitario, prácticas académicas e estudos que redunden nunha atención máis integral e especializada ás persoas afectadas por demencias.

Para facilitar a elaboración dos convenios específicos, o seu seguimento e cumprimento, constituirase unha Comisión Mixta paritaria composta pola Secretaría Xeral da USC ou persoa en quen delegue e o profesor Pedro Diz Dios, en representación da USC; e por Mª Isabel Gey Pérez e Faustino Rodríguez Vázquez, por AGADEA.

Saúde bucodental

Esta colaboración permitirá, entre outras iniciativas, avanzar no estudo da saúde bucodental nas persoas con demencia grazas á implicación do Departamento de Estomatoloxía da USC. Durante os últimos meses, o estudantado en prácticas da Facultade de Odontoloxía realizou intervencións e recollidas de mostras en distintos centros e servizos terapéuticos de AGADEA, como parte dun proxecto pioneiro que vincula a saúde oral coa deterioración cognitiva.
 

As persoas asinantes co equipo da unidade de Odontoloxía. Foto: Santi Alvite
As persoas asinantes co equipo da unidade de Odontoloxía. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2025.