Ir o contido principal

A USC aglutina nun espazo virtual a información das convocatorias, programas e iniciativas de mobilidade internacional e cooperación

Toda a información relativa á cooperación e a mobilidade internacional da USC atópase unificada nun espazo virtual elaborado pola Vicerreitoría de Política Internacional e dirixido a todos os membros da comunidade universitaria. Deste xeito, a web http://www.usc.es/internacional funciona como un punto de encontro para todas as institucións interesadas en establecer acordos de intercambio coa USC e para as persoas que desexan atopar toda a información relativa a iniciativas, programas e convocatorias de mobilidade da institución académica.
Cada un dos programas de mobilidade ou cooperación en vigor dispón dun espazo propio coa información máis relevante actualizada e a posibilidade de descarga de todos os documentos necesarios para a xestión administrativa.
A sección de información dispón así mesmo dun correo directo que permite unha consulta individual sobre calquera dos aspectos contidos na web. Nesta mesma sección inclúese un espazo en Facebook que permite a todos os estudantes de intercambio compartir experiencias. Na entrada do portal os interesados terán a súa disposición todas as novidades sobre as actividades que desenvolve a Vicerreitoría e as convocatorias abertas para facilitar a localización dos programas activos.
Con esta iniciativa, a Vicerreitoría desexa incentivar e darlle un pulo á actividade internacional da institución, facilitando a participación de todos os membros da comunidade así como das institucións que neste eido colaboran coa Universidade compostelá ou están interesadas en facelo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2009.