Ir o contido principal

A USC amosa ata finais de febreiro a exposición ‘50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia’ na Deputación de Lugo

Inauguracón da mostra '50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia', na Deputación de Lugo
Inauguracón da mostra '50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia', na Deputación de Lugo
Os vicerreitores Pedro García Herradón e Francisco Durán asistiiron á inauguración da mostra, que inclúe fotografías, documentos escritos e libros

A Universidade de Santiago de Compostela presenta desde este xoves na capital luguesa a exposición ‘50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia’, unha mostra que trata de amosar a través de fotografías, documentos e libros –na súa maioría procedentes dos fondo da propia Biblioteca universitaria– os fitos fundamentais que explican a orixe, a razón de ser, o contido e as implicacións dun texto que “naceu sen vocación de grandeza e ao que o destino ten posto nun lugar destacado”, sinalan os seus promotores.

Como depositaria “do principal legado bibliográfico e documental sobre o Dereito aplicado en Galicia ao longo da súa historia, a Universidade de Santiago de Compostela foi e continúa a ser o máis importante referente para calquera persoa interesada no Dereito galego”, relata a a profesora Paz García Rubio, que comparte con Francisco Méndez García o comisariado desta mostra, coordinada por Margarita Herrero Oviedo e Anxo Doval Rey. A importancia desta Compilación, “nunca suficiente resaltada e valorada no noso contorno”, segundo subliña García Rubio, que entende que non pode pasar desapercibida “a conmemoración do aniversario dun texto que, aínda que modesto na súa orixe, constitúe o xermolo e a principal razón de ser de que Galicia e o seu Parlamento teñan hoxe competencias en materia de Dereito civil”. Froito da cooperación entre a Biblioteca Concepción Arenal e o grupo de investigación de Conflictu Legum, esta exposición, que chega de Compostela a Lugo da man da Deputación Provincial, amosa todos os textos xurídicos e etnográficos máis importantes relacionados coa Compilación e coa estrutura social da época que pretendía regular, así como outro tipo de documentos fotográficos e similares. A Compilación galega foi a cuarta de todo o Estado, logo das de Álava e Biscaia (1959), Cataluña (1960) e Baleares (1961), e ás que se sumaron poucos anos despois as de Aragón (1967) e o chamado Foro Novo de Navarra (1973). Estas compilacións naceron como resultado das conclusións do Congreso Nacional de Dereito Civil celebrado en 1946 que formulaban a necesidade de compilar as institucións civís e forais dos territorios que dende 1880 foran recoñecidos como tales, entre os que atopaba Galicia. A Compilación de 1963 permite que Galicia conte hoxe con capacidade lexislativa en materia de Dereito Civil de entidade suficiente como para facer fronte dende o seu propio Dereito á realidade diarias dos seus cidadáns en materia de tanta transcendencia como a familia, as sucesións, os dereitos reais ou a persoa, conclúe a profesora García Rubio. Acto de inauguración, permanencia e horario de visitas O deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, presidirá este xoves, a partir das 20.00 horas, na sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo, a inauguración da mostra ’50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia’, no transcurso dun acto ao que tamén asistirán o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo da USC, Pedro García Herradón, e o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán. Os comisarios e coordinadores da exposición tamén asistirán ao acto de apertura desta mostra, que permanecerá aberta ao público lugués na sala de exposicións do Pazo de San Marcos durante as próximas semanas. As persoas interesadas en visitar a exposición poderán facelo de xeito gratuíto en quenda de mañá e tarde, durante o tempo que estean abertas as dependencias da Deputación Provincial de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2014.