Ir o contido principal

A USC amosa a oferta do campus de Lugo a estudantes de ensino medio nunha xornada de achegamento

López e Bueno, na recepción de estudantes preuniversitarios no salón de actos da Escola Politécnica Superior
López e Bueno, na recepción de estudantes preuniversitarios no salón de actos da Escola Politécnica Superior
Uns 200 alumnos de secundaria de cinco centros de ensino visitan a sede universitaria luguesa a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Uns 200 estudantes de ensino medio procedentes de distintos centros educativos da provincia de Lugo (CPR San José, CPR Padres Franciscanos, IES de Monterroso, IES Perdouro de Burela, e CFEA de Guísamo) visitan este xoves os distintos centros universitarios da USC radicados no campus lugués a través do programa Encontros no campus de Lugo, unha xornada de orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da USC na sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no salón de actos da Escola Politécnica Superior, onde Bueno e López, fixeron unha presentación xenérica do campus de Lugo da USC, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do campus de Lugo e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Unha vez rematada esta sesión, os escolares, distribuídos en grupos en función das súas preferencias e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno, pero aínda moi pouco coñecido”, dixo. O coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo adiantou asemade que a sede universitaria luguesa celebrará outra xornada de encontro con estudantes de ensino secundario a finais do mes de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2015.