Ir o contido principal

A USC amplía este curso as prazas de prácticas para especializarse en atención temperá

A Unidade de Atención Temperá da Universidade estrea este curso novas instalacións, máis amplas e luminosas, que permitirán ampliar a carga docente para os alumnos e os servizos para menores que presentan algún tipo de trastorno no seu desenvolvemento ou teñen o risco de padecelo.
As renovadas dependencias, situadas na Facultade de Psicoloxía e que xa están en uso, contan con máis espazos abertos, salas de logopedia, de terapia de xogo, de atención temperá, de investigación, estimulación precoz e atención psicopedagóxica. Con estes espazos renovados darase cabida a máis usuarios e facilitarase o traballo do equipo. Polo de agora, a Unidade prevé que se poidan ampliar as prazas de prácticas do Prácticum e do Máster en Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá. Tamén se porá en marcha unha escola de pais.
Ademais, decidiuse ofertar novas prazas para o obradoiro gratuíto de autoestima de nenos e adolescentes que presentan casos específicos de ansiedade, timidez, que sofren algún tipo de maltrato, son vítimas de acoso escolar ou teñen problemas de adaptación sociocultural.
Os interesados en participar no curso, que se celebrará en outubro, deberán contactar ata finais deste mes con María del Carmen Ferreiro no número de teléfono 981563100, extensión 13741 ou enviar un correo electrónico a pebuceta [at] usc.es (pebuceta[at]usc[dot]es) ou mdelcarmen.ferreiro [at] rai.usc.es (mdelcarmen[dot]ferreiro[at]rai[dot]usc[dot]es).
Unidade de Atención TemperáComposto por psicólogos clínicos e evolutivos, logopedas, psicopedagogos, un especialista en terapia familiar, un terapeuta de xogos e un paidopsiquiatra, o equipo da Unidade de Atención Temperá conseguiu converter á Facultade de Psicoloxía na primeira de ámbito nacional en unificar a docencia, a investigación e a atención aos usuarios.
Os puntos de actuación desta unidade son a estimulación precoz e tratamento de nenos con deficiencia mental, a atención temperá nos trastornos do desenvolvemento e intervención familiar, así como labores específicas de atención ao adolescente e ao adulto discapacitado.
Parte do persoal está presentando estes días os resultados das súas investigacións nun Congreso Nacional de Psicopedagoxía en A Coruña e, en breve, desprazaranse a Buenos Aires para levar as últimas investigacións sobre acoso e maltrato na infancia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2007.