A USC analizará augas residuais para proporcionarlle á Xunta un indicador do consumo de substancias psicoactivas

Obter datos obxectivos sobre o consumo de sustancias de abuso en Galicia mediante a análise das augas residuais é o principal cometido dunha nova colaboración da USC coa Xunta de Galicia que permitirá coñecer os niveis de consumo globais e eventualmente detectar a entrada de novas substancias. O acordo asinárono esta mañá o reitor da USC, Antonio López, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, de quen depende Augas de Galicia. A Consellería de Sanidade financiará esta investigación cunha achega de 50.000 euros.
O fin último desta colaboración, que coordinará o catedrático de Química Analítica da USC José Benito Quintana, é desenvolver un indicador de uso de substancias psicoactivas baseado na análise de augas residuais. Para iso, realizaranse dúas campañas de recollida de mostras durante dúas semanas ao ano nas EDAR de Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Guillarei e Pontevedra, que logo se analizarán no laboratorio do grupo de investigación de Cromatografía e Quimiometría (ChromChem), adscrito ao Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global (iARCUS) da USC, que ademais coordina a rede ESAR-Net.
Tal e como explicou o profesor Quintana, “pretendemos impulsar o uso da análise das augas residuais como ferramenta obxectiva para seguir o consumo de sustancias de abuso”. En todas as mostras analizarase cuantitativamente anfetamina, metanfetamina, MDMA (éxtase), benzoilecgonina (metabolito da cocaína), carboxi-THC (metabolito do THC), ketamina, etil sulfato (metabolito do etanol) e fentanilo; mentres que nas das fins de semana farase unha análise cualitativa para procurar a posible presenza doutras sustancias de abuso, e en particular análogos do fentanilo, nitazenos e outros opioides sintéticos así como metabolitos do consumo de crack. Cos resultados analíticos, datos de caudais das EDAR e poboación servida por estas, elaboraranse cálculos de residuos de sustancias normalizados por día e 1.000 habitantes e cando sexa posible tamén de consumo por día e 1.000 habitantes.
Ademais, o desenvolvemento deste proxecto ten previsto complementar servizos de alerta de uso de sustancias novas que aparecen no mercado e que poden supoñer un risco para a saúde pública.