Ir o contido principal

A USC aposta pola inclusión educativa

Durante o pasado ano, a USC prestou atención personalizada a 17 estudantes do Campus de Lugo e 46 no de Santiago. Foto: pixabay
Durante o pasado ano, a USC prestou atención personalizada a 17 estudantes do Campus de Lugo e 46 no de Santiago. Foto: pixabay
Os protocolos para a inclusión universitaria incluirán recomendacións didácticas para alumnado con trastornos no desenvolvemento, fundamentalmente Asperger, TDA, TDHA e dislexia
Lugo, Santiago de Compostela

A de Santiago foi a primeira universidade do estado en contratar asistentes persoais e a primeira en incluír a atención a estudantes con problemas de saúde mental entre os colectivos universitarios con necesidades especiais. Estes son dous dos últimos fitos a través dos que a USC aposta pola inclusión educativa dende hai varias décadas, tal e como queda constancia nun novo estudo sobre a integración universitaria do alumnado con discapacidade na universidade elaborado polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da institución académica (SEPIU) e polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE).

De cara ao próximo curso, a Universidade de Santiago incrementará de 20 a 38 o número de estudantes que poderán contar con habitacións reservadas por discapacidade no Servizo Universitario de Residencias (SUR). Neste senso, tamén está previsto ampliar o número de habitacións adaptadas no Campus de Lugo. Como explica o responsable do SEPIU, Javier Agrafojo, os protocolos para a inclusión universitaria teñen sido revisados e, de cara ao vindeiro curso, incluirán recomendacións didácticas para alumnado con trastornos no desenvolvemento, fundamentalmente Asperger, TDA, TDHA e dislexia. Como explica Agrafojo, poñer o foco nestes colectivos é fundamental polo aumento exponencial de solicitudes de apoio de alumnado con este tipo de especificidades.

Outro dos aspectos observados no traballo de investigación realizado polo SEPIU entre os distintos colectivos que integran a comunidade universitaria, sinala a necesidade de ofrecer unha web institucional máis accesible. Neste senso, existe o compromiso por alcanzar no futuro deseño da interface de www.usc.gal os estándares de accesibilidade de AAA segundo a normativa internacional máis consolidada. A accesibilidade web ten como obxectivo lograr que as páxinas ofrezan unha experiencia máis satisfactoria polo máximo número de persoas, independentemente dos seus coñecementos, capacidades persoais ou as características técnicas do dispositivo de acceso empregado.

Cifras recentes

Durante o pasado ano, a USC a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria prestou atención personalizada e con apoio do servizo a 17 estudantes do Campus de Lugo e 46 no de Santiago, cunha gran variedade de tipoloxías en canto ás necesidades atendidas. Para a prestación destes apoios investíronse máis de 60.000 euros, basicamente para asistentes persoais (58.000 euros do total) e obras menores.

Neste senso, Javier Agrafojo explicou que fronte ás dificultades económicas dos últimos anos, a USC contou coa colaboración de entidades e fundacións públicas e privadas coas que se estableceron os correspondentes convenios de colaboración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.