USC e Aresa asinarán o luns o convenio para a posta en marcha do XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, e o presidente do grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinarán este luns 21 o convenio para a convocatoria e posta en marcha do XV Premio Aresa de Densenvolvemento Rural. O acto protocolario celebrarase ás 12.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
O Premio Aresa, un galardón creado conxuntamente no ano 2000 polo grupo empresarial homónimo e a institución académica compostelá, naceu coa pretensión de favorecer e mellorar o benestar das persoas que viven no medio rural.
Dotado con 10.000 euros en metálico e un diploma de mérito para a candidatura gañadora, o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recoñece e distingue aqueles proxectos, persoas, institucións e/ou empresas que destacan por contribuír de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícolas e/ou gandeiros.