A USC asina un convenio de cooperación cultural e científica coa universidade Muhammadiyah Yogyakarta de Indonesia

O reitor da USC, Juan Viaño, e o seu homólogo da universidade Muhammadiyah Yogyakarta de Indonesia, Gunawan Budiayanto, asinaron este luns en Compostela un protocolo de cooperación cultural, científica e pedagóxica entre as dúas institucións académicas.
A promoción do desenvolvemento e a difusión da cultura, en espacial a través das ensinanzas superiores de grao e posgrao e da investigación científica e tecnolóxica constitúen os eixes arredor dos que xira o acordo de colaboración asinado entre a USC e a universidade de Yogyakarta. Este protocolo poderá materializarse no futuro a través de programas de mobilidade e intercambio de profesores, investigadores e estudantes, liñas de investigación en conxunto, e mesmo en plans de formación de docentes a través actividades específicas.
O acto de sinatura do convenio e a universidade de Yogyakarta citou no compostelán colexio de San Xerome unha nutrida representación da institución académica de Indonesia. De feito, ademais do reitor Gunawan Budiayanto, tamén asistiron a este acto o vicerreitor de Cooperación Internacional e o director da Oficina de Cooperación Internacional da citada universidade de Yogyakarta, Achmad Nurmandi e Eko Priyo Pornomo, respectivamente; o vicerreitor de Recursos Humanos, Naano Prawoto Hadi Sudarmo; o secretario da institución académica oriental, Nafi Ananda Utama; ademais de Yogyakarta, Mukti Fajar Nur Dewata e Idham Badruzaman, responsables do servizo de desenvolvemento e relacións internacionais da universidade indonesia. A vicerretiora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e do xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha Correa, tamén participaron na sesión.
Unha vez rematado o acto formal de sinatura, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha, acompañaron á comitiva universitaria chegada de Indonesia nunha visita programada ao Campus Terra da USC. Durante a súa estancia en Lugo, a delegación indonesia tivo a oportunidade de coñecer e visitar algunhas das infraestruturas científicas e tecnolóxicas da sede universitaria luguesa, tales como as instalacións da Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) ou o grupo de investigación de Farmacoloxía que investiga toxinas mariñas, ademais de recibir información respecto dalgunha das principais liñas nas que están a traballar na actualidade outros grupos de investigación da USC.
A visita da delegación indonesia á sede universitaria luguesa é consecuencia, cando menos en parte, da visita realizada previamente polo xestor de Internacionalización do Campus Terra, Pedro Fiz Rocha, á citada universidade de Yogyakarta, na que tamén se imparten estudos ligados aos ámbitos da agronomía, forestal e do medio natural. De feito, unha das liñas de colaboración en materia de I+D xa trasladada pola universidade asiática está referida a enclaves e plantacións de arroz.