Ir o contido principal

A USC asinou con Innovación e Industria o protocolo que regula a oferta de destinos da convocatoria de recursos Humanos de I+D+i para 2007

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, asinou hoxe mércores con distintas entidades, entre elas a USC, os protocolos de colaboración cos que se regula a asignación de destinos do Programa Horizontal de Recursos Humanos correspondente á convocatoria do ano 2007. En concreto, o acordo ten validez sobre os 64 contratos para investigadores do programa Ángeles Alvariño e sobre os 57 do programa Isidro Parga Pondal.
Por parte da Universidade de Santiago asinou o protocolo o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto. Ademais, participaron na sinatura as Universidades de Vigo e A Coruña, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (ANFACO), o Centro Tecnolóxico AIMEN, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a Fundación CESGA, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), as empresas públicas Turgalicia e Xacobeo, así como as privadas Innaves e Quobis Network.
O documento supón o compromiso por parte da Consellaría de Innovación e Industria de realizar a convocatoria pública de axudas para a contratación de 121 investigadores a través dos programas Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal. Nesta convocatoria recolleranse, entre outros aspectos, os requisitos que deberán cumprir os candidatos, as condicións da selección dos mesmos, así como a dotación, o número e a duración dos contratos. Os asinantes, pola súa banda, comprométense a aceptar aos candidatos seleccionados pola Consellaría, a posibilitar o correcto desenvolvemento do seu traballo e a cumprir coas obrigas derivadas da relación laboral.
Etapa de consolidación dos científicosA convocatoria de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I (IN.CI.TE) destinará 30 millóns de euros en 2007 á contratación dun total de 500 investigadores, tecnólogos e axentes de innovación para a súa incorporación ao sistema público e privado de I+D+i galego. Así mesmo, define as figuras do científico e do tecnólogo e crea oito programas para articular a carreira científica e tecnolóxica, en tres etapas: formación, incorporación e consolidación.
A carreira científica ten como obxectivo crear líderes en investigación, fomentando a excelencia do sistema galego de I+D+i coa incorporación de investigadores de alto nivel. Con este obxectivo, a convocatoria establece os programas ‘María Barbeito’, ‘Ángeles Alvariño’e ‘Isidro Parga Pondal’.
Os protocolos asinados afectan aos programas Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal, aos que acceden doutores tras a etapa de formación. O programa Ángeles Alvariño está destinado a contratar durante tres anos a 64 investigadores doutores recentes. O seu obxectivo é potenciar a especialización en centros que oferten unha formación especializada e de calidade, e a incorporación en organismos públicos e privados de investigación. A axuda bruta anual por contrato é de 28.000 euros, de xeito que o orzamento total deste programa ascende a 5,4 millóns de euros.
Para completar a etapa de incorporación está o Programa Isidro Parga Pondal, que conta este ano cun orzamento de case 6 millóns de euros para a contratación durante tres anos de 57 doutores cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos estatais ou estranxeiros para a súa incorporación en organismos públicos e privados de investigación. A axuda bruta anual por contrato é de 36.000 euros para sector público e de entre 18.000 e 25.200 euros para sector privado, ao que se abre este programa por vez primeira.
A convocatoria tamén inclúe 44 Prórrogas Isidro Parga Pondal 2005, de dous anos de duración e un orzamento total de case 3,2 millóns de euros, e unha 2ª Prórroga Isidro Parga Pondal 2003, con 34 prazas, un ano de duración e 1,37 millóns de euros de orzamento. Con esta ampliación equipáranse tanto en duración como en contía as Parga Pondal e o Programa do Ministerio de Educación e Ciencia Ramón y Cajal, dando resposta ás demandas do primeiro colectivo, igualando deste xeito a contía económica por axuda (36.000 euros) e a ampliación de 3 a 5 anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2007.