A USC asume a responsabilidade de formar estudantes e investigadores competentes informacionalmente

A vicerreitora de Titulacións e PDI, Carmen Fernández Morante, participou recentemente nas décimas xornadas do Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Información (CRAI), celebradas na Universidade de la Rioja e cuxo tema central de debate foi a presentación de resultados da implantación das competencias informáticas e informacionais CI2 nas universidades españolas. Morante expuxo o interese que a USC vén poñendo nesta formación transversal que completa a formación académica dos estudantes, e resaltou “o importante papel que levan desempeñando a Biblioteca Universitaria (BUSC) e os seus profesionais desde hai anos con iniciativas concretas, poñendo tamén en valor o espírito de colaboración entre o profesorado e os bibliotecarios e bilbiotecarias”. Na súa intervención quedou de manifesto a avanzada posición que ocupa a USC tanto en normativa como en apoio institucional fronte a outras universidades españolas: xa no ano 2010 as competencias informacionais foron aprobadas por resolución reitoral como competencias transversais propias para todas as titulacións e outorgóuselle a responsabilidade para o seu desenvolvemento á Biblioteca Universitaria. Deste xeito, a BUSC xa desenvolveu as primeiras liñas de acción deste proxecto desde o curso 2010/2011, aproveitando a oportunidade de asinar un convenio de colaboración coa Universidade de la Laguna (ao que logo se sumaron as universidades de Zaragoza, Alacante e Huelva) para a implantación dun modelo de curso de iniciación para alumnos de primeiro acceso á Universidade, un proxecto de cooperación interuniverisatario que permite avaliar resultados entre varias universidades e compartir coñecementos. A difusión deste proxecto (que acadou xa unha marca e logo propio: UniCi2) obtivo un alcance nacional e internacional. Así, os primeiros resultados foron presentados en varios foros nacionais, como o INFO2012 celebrado na Habana (Cuba) en abril deste ano, onde foi presentado como modelo de cooperación á comunidade iberoamericana por Carmen Julia Hernández (Universidad de la Laguna) e Carmen Varela (USC). Na actualidade están aparecendo en países como Colombia ou México iniciativas semellantes, e xa hai snovas solicitudes de incorporación ao proxecto UnicCi2 por parte doutras universidades españolas. Unha formación transversal A implantación deste modelo formativo comezou na USC no curso 2010-11, mediante un proxecto piloto no que tomaron parte os alumnos de cinco graos dos campus de Santiago e Lugo. Xa no curso 2011-12 chegouse a 30 graos, e para o próximo curso agárdase a súa implantación na totalidade dos 48 graos que se imparten na institución. Se o curso de iniciación xa é unha realidade, a BUSC conta con empezar a desenvolver en breve os niveis medio (para estudantes de 2º e 3º curso de grao) e o avanzado (para os alumnos de 4º curso, e orientado á realización dos traballos de final de grao). A Biblioteca Universitaria, en colaboración coa área académica, a Área TIC e o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CETA), ten como un dos os seus obxectivos prioritarios para o curso 2012-2013 elaborar un Plan de Formación como marco e folla de ruta que acolla estas iniciativas cun xeito normalizador e sistemático e Así se presentou no IX Foro Internacional sobre a Avaliación da Calidade da Investigación e da Educación Superior, celebrado en Santiago de Compostela o pasado mes de xuño. O obxectivo deste plan é o de ser o instrumento guía para que os estudantes e futuros investigadores desenvolvan habilidades informacionais, aprendan a interactuar coa información no seu ámbito académico e a xestionala do xeito máis eficaz posible, desde a localización á organización, pasando pola avaliación, a utilización e mesmo a súa posterior comunicación a terceiros, constituíndose nunha práctica a desenvolver ao longo de toda a súa vida profesional e persoal. Carmen Varela, durante a presentación do seu relatorio no congreso INFO2012 da Haba (Cuba), en abril deste ano