Ir o contido principal

A USC avanza na mellora do rendemento de cultivos extensivos con novos fertilizantes e ferramentas de diagnóstico intelixentes

Un agricultor de Sueros de Cepeda, acompañado dun técnico de apoio á investigación do grupo Agronomía da USC
Un agricultor de Sueros de Cepeda, acompañado dun técnico de apoio á investigación do grupo Agronomía da USC
Investigadores da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo traballan neste eido con empresas e entidades de Galicia e País Vasco no marco do grupo operativo Diagrint

Investigadores do campus de Lugo da USC traballarán na mellora do rendemento de cultivos extensivos en España a través do emprego de novos fertilizantes e ferramentas de diagnóstico intelixente no marco das actuacións previstas polo grupo operativo de carácter supra autonómico Diagrint, unha estrutura de nova creación financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) ao abeiro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

O grupo operativo Diagrint, coordinado pola empresa galega Soaga e no que ademais dos grupos de investigación da USC en Agronomía e Calidade de solos, con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, tamén participan a firma vasca Blue Agro S.L., a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), nace co obxectivo de contribuír a mellorar o rendemento de cultivos extensivos en España.

Os socios agromados en Diagrint, un grupo operativo no que participan os investigadores da EPS de Enxeñaría da USC Elvira López Mosquera, Adolfo López Fabal, Miguel Fernández Labrada e Socorro Seoane Labandeira, empregarán para este cometido fertilizantes novos e máis eficientes, ao tempo que prestarán asesoramento ao agricultor a través de ferramentas intelixentes que posibiliten un diagnóstico máis rápido e fiable, a fin de favorecer a redución de custos económicos e os posibles danos ambientais.

O traballo realizado ao abeiro deste grupo operativo desenvolverase principalmente na cornixa cantábrica e contempla actuacións en diferentes localizacións de Galicia, Asturias, Castela León, País Vasco e Navarra.

As investigacións realizadas no marco deste grupo operativo orientado á mellora do rendemento de cultivos extensivos en España posibilitará unir e compartir o coñecemento científico co coñecemento empírico que posúen agricultores de distintas zonas de España. Esta colaboración permitirá o deseño de pautas de fertilización baseadas no coñecemento ao tempo que posibilitará probar novas fórmulas encamiñadas a mellorar a nutrición dos cultivos e os seus rendementos sen danar o medio ambiente. Outra das vantaxes deste traballo coordinado entre os diferentes axentes implicados no grupo operativo Diagrint será a obtención de información práctica, en condiciones reais e de xeito específico para cada área ou zona de traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2018.