Ir o contido principal

A USC avanza na promoción e estabilización do seu persoal

Colexio de Goberno
A reunión desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno deu luz verde á asignación a áreas de coñecemento de 35 prazas de catedrático/a e de 64 de profesorado titular correspondentes á convocatoria de 2021, así como a oferta de emprego público complementaria para PAS
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno deu un paso máis este venres na súa vontade de “garantir a posibilidade de promoción ao cadro docente acreditado para os diferentes corpos de profesorado funcionario”, tal e como establece o Plan plurianual 2019-2022. En coherencia con esta liña, o Consello aprobou a asignación a áreas de coñecemento de 35 prazas de catedrático/a e de 64 de profesorado titular correspondentes á convocatoria de 2021. Ademais, tamén no capítulo de persoal, aprobou a oferta de emprego público complementaria para o Persoal de Administración e de Servizos de cara á presente anualidade e que está dotada con 29 prazas.

A dotación de  prazas docentes, tal e como establece o Plan, quere “corrixir de xeito paulatino o desequilibrio existente entre as diferentes áreas de coñecemento existentes na USC mediante a  dotación  de  prazas  naquelas áreas que,  en  función do seu  desempeño  actual  (e das previsións sobre a evolución da relación capacidade/desempeño nos  próximos anos),  presenten necesidades de carácter estrutural”. O vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, destacou a necesidade de traballar en políticas de planificación dos recursos humanos neste eido a medio e longo prazo. “O plan plurianual implicou un importante esforzo nos últimos tres anos, poñendo a énfase no proceso de relevo xeracional, pero ao mesmo tempo, propiciando estabilización e promoción”, sinalou.

Titulacións

O grao e o mestrado Universitario en Intelixencia Artificial, así como o mestrado en Ensino do Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua integran as propostas conxuntas coa UDC e a UVigo que o Consello de Goberno aprobou para que continúe a súa tramitación administrativa de cara á súa posible implantación no curso 2022-2023. A reunión tamén serviu para dar luz verde á modificación  da  memoria  do  Grao  en  Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira que pasa a chamarse Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. Finalmente, abordouse a proposta de extinción do Programa de Doutoramento en Nanomedicina. Os criterios, procedemento e calendario para a presentación de modificacións non substanciais de titulacións de grao e máster universitario para a súa  implementación no curso 2022-2023 foi outra das cuestións tratadas.

Transferencia

A constitución  como  empresa de base tecnolóxica conforma unha oportunidade de transferir á sociedade o coñecemento derivado da actividade de investigación levada a cabo ao longo de varios anos. Ademais, evita que as empresas xa establecidas asuman riscos inherentes aos procesos de maduración. A carteira de empresas de base tecnolóxica participadas pola USC supera xa as 30. A última en sumarse a esta listaxe é a proposta de creación de Timbersoul by Cándido Hermida S.L. Este iniciativa ten a súa orixe na experiencia da Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (PEMADE) do Campus de Lugo e nun proxecto LIFE17 CCM/ES/000074 (LIFE EcoTimberCell) centrado no uso da madeira local certificada e na substitución de produtos derivados de Industrias de Uso Intensivo de Enerxía.

Outros temas

O acordo de recoñecemento de niveis de idiomas nos títulos de grao e o Regulamento de Réxime Interno do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) completaron a orde do día.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2023.