Ir o contido principal

A USC avoga por actualizar o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

O Avó, tal e como se coñece o eucalipto de Chavín (Viveiro) máis alto de Europa, é unha das árbores danadas, segundo Bernárdez Villegas
O Avó, tal e como se coñece o eucalipto de Chavín (Viveiro) máis alto de Europa, é unha das árbores danadas, segundo Bernárdez Villegas
O enxeñeiro pontevedrés José Gaspar Bernárdez Villegas propón incluír 58 rexistros novos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia e suprimir o 5,3% das referencias actuais na súa investigación de doutoramento, dirixida polos catedráticos da USC na e EPS de Enxeñaría de Lugo Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, e no marco da que estuda polo miúdo 1.108 exemplares e masas arbóreas distribuídas por toda a xeografía galega
Lugo

A revisión da situación das especies incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia realizada polo investigador da USC José Gaspar Bernárdez Villegas no marco da tese de doutoramento ‘As árbores senlleiras de Galicia. Diagnóstico da situación actual e proposta de liñas de actuación’, desenvolvida baixo a dirección dos catedráticos Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro e que vén de ser presentada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, propón incluír 42 novos exemplares e 16 formacións arbóreas nesta selecta clasificación de árbores monumentais de Galicia.

O carácter evolutivo do ‘Catálogo galego de árbores senlleiras’, un documento de referencia creado en Galicia en 2007 e modificado posteriormente a fin de recoller as árbores e formacións máis destacados de Galicia polas súas características dendrométricas, históricas, culturais, científicas ou paisaxísticas, unido ao crecente interese e admiración polos denominados monumentos naturais e polo arborado singular, propiciaron a exhaustiva investigación realizada por Bernárdez Villegas na súa tese de doutoramento, que é froito da revisión e estudo de 1108 exemplares e formacións distribuídos por toda a xeografía galega, dos que 189 rexistros forman parte do catálogo actual, 58 figuran como novas propostas para a súa catalogación e outras 861 referencias formarán parte da maior base de datos creada para o arboredo singular de Galicia.

A provincia que, segundo a investigación de Bernárdez Villegas, achega un maior número de rexistros para incluír no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia é Pontevedra, con 32 (55,2%), seguida de Ourense con 14 (24,1%), Lugo con 9 (15,5%) e A Coruña, con 3 rexistros (5,2%). As especies máis habituais son o castiñeiro (Castanea sativa) con 4 exemplares propostos, seguida do cedros do Atlas (Cedrus atlantica), con 3 propostas e a camelia (Camellia japonica). O ciprés de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), o pradairo (Acer pseudoplatanus), a magnolia (Magnolia grandiflora), o plátano de sombra (Platanus hispanica), o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii) e o carballo (Quercus robur) proporcionan dous rexistros por especie. Na actualidade, a provincia de Pontevedra, con 50 árbores e 12 formacións, xa é a máis representada, seguida de A Coruña (44 máis 13), Lugo (35 máis 6) e por último lugar Ourense (22 máis 7).

Alén das novas recomendacións para a súa catalogación, Bernárdez Villegas suxire  descatalogar o 5,3% das árbores e formacións actualmente tipificadas de senlleiras por mor da morte biolóxica dos exemplares ou por ter perdido os valores singulares. O estado de conservación dos demais rexistros xa catalogados é satisfactorio, agás os casos do Castiñeiro da Ramigoa, os Castiñeiros de Peninvello, os eucaliptos de Chavín, incluíndo “O Avó”, que ten graves problemas sanitarios; o Bidueiral do Coto de Xares; o Carballo do Pazo de Vilardefrancos; os Cedros de Vicenti; os Cipreses de California do Xardín do Malecón, e o Ciprés de California do Pazo de Quintás. O investigador propón para estes casos distintas actuacións destinadas á estabilización da súa parte aérea, que é a que concentra a maior parte dos defectos ou problemas advertidos.

Alén desta diagnose precisa da do estado de saúde das árbores e masas arboradas singulares, a investigación de doutoramento realizada por este pontevedrés, graduado en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural con mestrado en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, achega como ferramenta fundamental para a posta en valor das árbores senlleiras de Galicia unha descrición de cada exemplar ou formación que se inclúe na ficha descritiva individualizada, xunto cunha breve descrición da contorna, que inclúe datos históricos ou curiosidades, ademais dunha breve descrición botánica de cada taxón catalogado ou proposto para a súa catalogación.

Tribunal de tese e cualificación

A profesora de Botánica, Xestión Forestal e Biodiversidade da Universidade de León Carmen Acedo Casado presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por este enxeñeiro pontevedrés, un xurado do que tamén formaron parte as profesoras da USC e da UVigo, Rosa Romero e Luisa Castro, respectivamente, e que outorgou a máxima cualificación académica á investigación realizada por Bernárdez Villegas.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2020.