Ir o contido principal

A USC, Caixa Galicia, Fundación Feiraco, os concellos de Brión e Antas, e Cáritas de Santiago impulsan un proxecto TIC para comercializar produtos agrarios de orixe familiar

Coa finalidade de colaborar na elaboración dun sistema de xestión de información para a comercialización de produtos agrarios de orixe familiar mediante o portal dixital www.granxafamiliar.com (operativo a finais de ano), a USC asinou este martes, día 31, un convenio cos concellos de Brión e de Antas de Ulla, Caixa Galicia, a Fundación Feiraco e Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.
Ao acto de sinatura asistiron o reitor da USC, Senén Barro; os alcaldes de Brión e de Antas de Ulla, José Luís García García e Javier Varela Pérez, respectivamente; o presidente da Fundación Feiraco, Jesús García Calvo; o director de División de Organismos de Caixa Galicia, Andrés Cuns; o director de Cáritas de Santiago, José Severino Montes Pérez e o profesor do Departamento de Xeografía da USC, Carlos Ferrás Sexto, quen será o director científico do proxecto.
Obxectivos do proxectoSegundo explicou Senén Barro no acto, este convenio permitirá o establecemento dun marco de actuación que serva como base para impulsar o desenvolvemento socio-económico e difundir a utilización das novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nos concellos rurais piloto de Brión e Antas de Ulla. Deste xeito, ademais de facer fronte ao fenómeno de exclusión socio-territorial coñecido como ‘Fenda Dixital’, tamén se inserta no mercado a produción tradicional de autoconsumo das explotacións familiares galegas.
Na mesma liña, o reitor informou que, durante os tres anos de duración, o proxecto tamén se centrará en fins como incrementar as rendas familiares no medio rural galego, impulsar a recuperación da memoria histórica no medio rural e difundila no eido urbano e motivar aos máis novos cara o desenvolvemento das actividades agrarias e rurais estimulando a repoboación de certos lugares. Así mesmo, fomentarase a innovación e o emprendemento nestas zonas e a revalorización da cultura rural a partir do uso das Novas Tecnoloxías.
Por outra banda, no marco deste convenio, a Universidade de Santiago apoiará a realización de teses de doutoramento, traballos de investigación ou a publicación de artigos e obras sobre o desenvolvemento da iniciativa e sobre os impactos sociais e territoriais da Sociedade da Información en España e en Galicia.
Para conseguir todos estes obxectivos, a USC, a través do Grupo de Investigación Socio-Territorial do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (GIS-T IDEGA), ocuparase do mantemento do servizo de e-mail e hosting do dominio Granxafamiliar.com, da arquitectura e deseño da aplicación informática, ademais do apoio técnico e asesoramento científico. Así, a Universidade de Santiago achegará o traballo de catro persoas do grupo de investigación a tempo parcial, a disposición dun coche para o traballo de campo, as instalacións e equipamento do Laboratorio Dixital do IDEGA e o uso de oficinas equipadas.
Funcionamento do proxectoCarlos Ferrás explicou que, neste proxecto, a USC xestionará a información entre os vendedores da granxa e os posibles compradores. O contacto non só se fará a través da páxina web, senón que haberá oficinas instaladas na zona para unha atención directa e liñas telefónicas abertas ao público.
Na páxina web, cada granxa disporá do seu espazo no que dará a coñecer a súa identidade, a súa produción e outros aspectos. Carlos Ferrás subliñou que tamén se facilitarán visitas ás granxas para coñecer a fondo todo o proceso produtivo.
Nun principio, este profesor apuntou que, durante estes tres anos, preto de trinta granxas participarán na iniciativa pero que, a partir do segundo ano, a iniciativa abrirase a todas as familias interesadas.
AntecedentesO reitor da USC indicou no acto que os antecedentes máis próximos a este proxecto están na granjafamiliar.com, unha iniciativa individual no municipio de Elorrio en Vizcaya que comercializa a través de internet a produción familiar de carne de porco e becerros, entre outros produtos.
Outra das influencias do proxecto, segundo Carlos Ferrás, é a investigación que o grupo de investigación socio-territorial realizou para Feiraco sobre granxas familiares en Irlanda e Galicia. Este estudo demostrou que gran parte dos produtos da agricultura tradicional entran por canles informais na economía alimentaria.
Asemade, cabe destacar a plataforma dixital http://www.infobrion.com/ creada en colaboración coa universidade e que administra o propio concello de Brión para o desenvolvemento socioeconómico da zona a partir da dixitalización da cultura e da educación a nivel local. Na actualidade, este tipo de plataforma estase implantando en trinta e tres concellos da provincia de Salamanca a través dun convenio subscrito entre a USC e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Os potenciais beneficiarios de Granxadixital.com a través da transferencia de resultados serán a administración local e a sociedade, a empresa cooperativa e a propia universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2007.