USC, Caixa Rural Galega, Deputación Provincial e CEL renovan o convenio para dar continuidade á actividade do CITT de Lugo
O convenio de colaboración para o financiamento das actividades do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) de Lugo, que se asinara por primeira vez en 1995, renovouse este luns na sede de Caixa Rural. A USC, que asume a función e iniciativa en materia de realización de actividades, contará cunha achega total de 57.094 euros –por parte de Caixa Rural Galega, Deputación e CEL- para que a práctica da cooperación entre institucións, empresas e universidade continúe a ser un xeito habitual de traballo. Asinaron o convenio o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Caixa Rural Galega, José María Pardo; e o vicepresidente da Confederación Empresarial Lucense, David Manuel García. A finalidade deste acordo é promover as actividades de investigación tecnolóxica e a súa difusión no medio económico e social, favorecendo a interrelación entre as actividades universitarias e as necesidades empresariais. O CITT de Lugo Axudar aos investigadores da USC a manexar a información sobre convocatorias e axudas públicas, promover a cooperación entre a universidade e as empresas, así como canalizar as demandas externas e os traballos científicos e técnicos desenvolvidos nos departamentos universitarios son as principais funcións que día a día desenvolven os técnicos do CITT do Edificio CACTUS do Campus de Lugo. Ao longo de 2009 o CITT xestionou un total de 284 actividades, correspondentes a 3 proxectos comunitarios, 25 accións do Plan Nacional, 40 actuacións financiadas pola Xunta e 216 contratos, convenios, informes técnicos e cursos con empresas e institucións. Este conxunto de actividades supuxo que os fondos acadados polos investigadores do campus lugués superasen os 7.300.000 euros, unha cantidade que multiplica por catro á do primeiro ano de funcionamento da oficina en Lugo. Este aumento nas accións xestionadas vai claramente parello ao volume investigador do campus, onde os equipos se senten agora máis apoiados e orientados. As orixes A finais dos anos 80, a USC creou no Campus de Santiago o Centro de Transferencia Tecnolóxica (CTT), apoiándose no Plan Nacional de Investigación que contemplaba a creación de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigacións. Tratábase dunha vía importante que xa había noutros países pero que en España non existía, e que permitía ás universidades e organismos públicos que os resultados das súas investigacións chegasen á sociedade. No ano 1995, o Campus de Lugo demanda un servizo de transferencia tecnolóxica máis próximo. E é así como nace o CITT, que transfire os resultados das investigacións á sociedade á vez que fomenta a introdución de produtos ou servizos no mercado. O reitor visita a Deputación
Juan Casares aproveitou este acto no Campus lugués para entrevistarse co presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no que é o primeiro encontro que como reitor da USC ten nesta institución e que servirá para intercambiar pareceres sobre a estreita relación que mantén coa USC. Nesta visita o presidente da Deputación agasallou a Casares cunha reprodución en prata dunha zanfona.
O presidente da Deputación de Lugo agasallou ao reitor Casares cunha reprodución en prata dunha zanfona