USC e Caixanova achegan nunha mostra no Colexio Fonseca o mundo bereber
A USC e Caixanova convidan ao que se achegue ao Colexio de Fonseca a realizar unha exótica viaxe cara ao mundo Bereber, percorrendo as zonas poboadas por estes nómades, o Sáhara e o Norte de África, e prestando unha especial atención ao territorio comprendido entre o Atlas e o Grande Atlas. A exposición itinerante ‘Bereberes, os señores do deserto’, produción da Obra Social de Caixanova en colaboración nesta ocasión coa Vicerreitoría de Cultura da USC, poderá visitarse no Colexio de Fonseca ata o 17 de febreiro.
O pobo Bereber, nómade e libre, que vive sen ataduras a estados ou nacións, ten arraigados uns ancestrais costumes que se transmiten de pais a fillos ao longo do tempo. Entre as súas tradicións máis notables atópase a xoiería, coa muller como gran protagonista e responsable deste tesouro familiar, xa que o utiliza para embelecerse e como estatus de poder. Todas as pezas van cargadas dunha excepcional simboloxía sobre os costumes deste pobo, buscando sempre a protección e o respecto ao ser humano.
A xoia actúa como un obxecto cargado de baraka (boa sorte) cuxa soa presenza inmuniza. Amuletos e talismáns conteñen entre os seus remedios máxicos elementos como prata, sal, vidro, nácar, lapislázuli...; formas animais como a pomba, o carneiro, a tartaruga, os peixes, o escorpión...; círculos, medias lúas, estrelas, cadrados, triángulos, versos do Corán e unha longa lista de obxectos con “poderes”.
En total exponse algo máis dun centenar de pezas de excepcional importancia, entre as que destacan xoias, fíbulas, pectorais, colares, coroas, braceiros ou protectores do nortello realizadas maioritariamente en prata, con esmaltes, corais, ámbar, coiros e seda. Pezas que chaman a atención pola súa inigualable beleza e esplendor.