USC e Caixanova homenaxean ao escultor Cristino Mallo cunha exposición en Fonseca

Máis de oitenta pezas do escultor galego Cristino Mallo (1905-1989) conforman a mostra que a Vicerreitoría de Cultura da USC e Caixanova inauguran este xoves, día 15, ás 20:30 horas no Colexio de Fonseca. Ao acto asisten o vicerreitor Elias Torres; o director de Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea; e o coordinador da exposición, o escultor Cándido Pazos.
Coa montaxe, unha produción itinerante da Obra Social de Caixanova, quérese render unha homenaxe a Mallo. Para iso Cándido Pazos recompilou materiais recuperados pola familia do artista cos que se pretende recrear a súa vida, a sinxeleza e proximidade no seu quefacer diario, mostrando deste xeito os seus proxectos mediante debuxos ou xesos e mesmo ferramentas de traballo.
Ata o 22 de xuño o visitante poderá contemplar bronces, debuxos preparatorios, xesos orixinais, debuxos e gouaches de Cristino Mallo, todos eles pertencentes tanto á propia colección da entidade financeira coma da Fundación Capa.
A exposición complétase cunha serie de esculturas de Mallo de nenos e mulleres, deportes e natureza, escenas populares, personaxes do Madrid da posguerra e torsos e nus femininos, nas que aprecia a delicadeza e tenrura das formas, a rotundidade formal e a monumentalidade case en miniatura das súas obras.
Cristino MalloCristino Mallo naceu en Tui (Pontevedra), aínda que a maior parte da súa vida artística transcorreu en Madrid. Alí mantivo contacto coa intelectualidade española e máis concretamente cos poetas da Xeración do 27. Cinco anos máis tarde gaña o Premio Nacional de Escultura por ‘Desnudo con pez’, mostrando xa un certo vangardismo na súa obra.
A súa primeira gran exposición realízaa en Madrid en 1947 e a partir de aí comeza a gañar galardóns e adquirir notoriedade no eido artístico, notoriedade que transcende as fronteiras españolas. De feito, Mallo está representado coa súa obra en practicamente todos os museos do mundo.