Ir o contido principal

A USC, a Cámara de Comercio e o Concello de Santiago únense para promover proxectos de emprendemento e innovación empresarial

De esquerda a dereita, Martino Noriega, Jesús Asorey e Juan Viaño. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Martino Noriega, Jesús Asorey e Juan Viaño. Foto: Servimav-USC

A USC, a Cámara de Comercio, e o Concello de Santiago de Compostela asinaron este xoves 28 un protocolo para establecer principios de colaboración e fortalecer a unión das tres institucións de cara a promover o emprendemento empresarial e a innovación tecnolóxica. Asinaron o documento o reitor Juan Viaño, o presidente da Cámara, Jesús Asorey, e o alcalde da cidade, Martiño Noriega.

Este protocolo crea unha alianza estratéxica que persiga aproveitar as fortalezas e potencialidades das tres entidades en materia de investigación e transferencia de tecnoloxía, emprendemento e desenvolvemento empresarial e experiencia en políticas activas de emprego e empregabilidade. A intención é traballar xuntos, achegando cada parte os seus recursos e experiencia, co obxecto de alumear novos proxectos tecnolóxicos e ideas de negocio. Ademais, USC, Cámara de Comercio e Concello traballarán conxuntamente no desenvolvemento de proxectos europeos ou proxectos derivados doutras Administracións Públicas, cun horizonte cobizoso que permita, chegado o momento, o deseño de plataformas estables que dean resposta aos actuais retos de máxima competitividade, excelencia e singularidade das propostas.

No acto de sinatura, Juan Viaño sinalou como antecedentes desta iniciativa a colaboración xa definida en 1998 coa posta en marcha dunha “das primeiras incubadoras de empresas xurdidas en España no ámbito universitario”, Uninova, que promoveron a USC e o Concello de Santiago. Como mostra da traxectoria de apoio ao emprendemento da USC e a súa capacidade para xerar impacto económico e social, o reitor referiuse ás “25 empresas xurdidas en torno á actividade de investigación da USC nos últimos dez anos”, actividade emprendedora que cuantificou nun volume de facturación superior aos 16 millóns de euros e nos “máis de 250 empregos xerados, dos que a maior parte son titulados universitarios”.

Viaño resaltou o interese da USC en “apostar pola xeración de emprego e o impacto económico por medio dunha colaboración eficiente coa Cámara e o Concello”. Neste contexto tamén lembrou a colaboración coa administración local arredor do programa Argos de equipos multidisciplinares de emprendedores, e coa Cámara a través da execución dun programa de creación de spin-off de ciencias da saúde en colaboración coas Cámaras e Universidades de Oviedo e Zaragoza en 2012.

O presidente da Cámara destacou a relevancia deste acordo deseñado para traballar conxuntamente e desenvolver proxectos de emprendemento e novas tecnoloxías. “Colaboraremos en coordinación total, ao amparo dun marco estable que garantirá unha forma máis intensa de traballo” – explicou–. Jesús Asorey asegurou que esta alianza servirá para optimizar os recursos e poder optar a proxectos convocados no novo Programa Marco da Unión Europea 2014-2020.

Pola súa banda, Martiño Noriega indicou que este convenio chega para consolidar unha colaboración que xa conta con antecedentes. “Establécese un marco estable e societario para xerar emprego, coñecemento e riqueza na cidade” –manifestou–. Concretou tamén o interese das tres entidades a optar a recursos europeos nas súas diversas vías nos próximos meses.

A sinatura celebrouse na sede da Cámara de Comercio de Santiago. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2016.