Ir o contido principal

A USC cancela as anotacións nos expedientes de sete alumnos por participar nos movementos estudantís dos anos 68 e 69

Entregóullelo, logo de solicitalos os interesados, no transcurso dun acto celebrado no Paraninfo da Universidade

Catro décadas despois dos movementos estudantís do ano 68 en Compostela, a Universidade de Santiago tributou un simbólico recoñecemento a un grupo de estudantes da época, entregándolle un novo expediente universitario sen anotacións ou referencias que non foran estritamente académicas ou persoais. “A USC moito vos ten que agradecer a quen arriscastes os vosos estudos, a vosa posición e incluso a vosa liberdade por abrir máis espazos nunha universidade e nunha sociedade presas dunha ditadura”, dixo o reitor Senén Barro.
A entrega prodúcese logo da solicitude cursada por cada un dos interesados para cancelar dos seus respectivos expedientes datos ou anotacións que nada tiñan que ver cos seus resultados académicos pero si coa súa actitude fronte ao réxime imperante naquel momento.
1968 en Compostela“Non pretendemos nin podemos reescribir a historia, pero si axudar a que se coñeza e a escribir o futuro con liñas máis dereitas” dixo Barro no transcurso do acto de entrega de expedientes. Nesta mesma sesión, o investigador Ricardo Gurriarán presentou o libro 1968 en Compostela. 16 testemuños, obra a través da que “situámonos de novo e de cheo naquel tempestuoso curso 1967/68 -destaca o reitor compostelán no prólogo da obra-. Momentos de movementos e mobilizacións estudantís que removeron a Universidade de Santiago e sacudíndoa fixeron tamén tremer ao país”.
Neste libro figuran “protagonistas do relatado e tamén do non contado, que sempre é moito máis o que queda atrás que o que se rescata da memoria” prosegue Senén Barro, para quen a obra debe tomarse como un “render tributo de gratitude a persoas que arriscaron moito: estudos, liberdade e incluso a súa vida, por aquilo que era xusto para si mesmos e para todos”.
Este libro sobre o 68 en Compostela pecha o traballo de Ricardo Gurriarán respecto desta etapa da historia, eixo temático sobre o que tamén xira Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968. O autor asinará exemplares este sábado ás 19:30 horas na Feira do libro de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2010.