A USC celebrou o Día Internacional das Mulleres

A Universidade de Santiago celebrou o venres, día 8 de marzo, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o Día Internacional das Mulleres. Foi un acto conmemorativo solemne presidido polo reitor, Juan Casares Long, e ao que asistiron distintas personalidades do mundo da política e da academia, ademais de representantes dos distintos sectores universitarios.
Xunto co reitor, formaron parte da mesa presidencial o presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira; a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago, María Castelao Torres.
Na acto entregaráselle unha placa con mención honorífica ao Servizo de Vixilancia da Saúde da USC, pola súa traxectoria en prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A encargada de recoller esta distinción foi a directora do servizo, Mª del Carmen Pardiñas Añón.
Seguidamente tivo lugar unha mesa redonda sobre estereotipos de xénero e saúde na que actuou como moderadora Eva Aguayo Lorenzo e na que interviron a catedrática e directora do Centro de Estudos Avanzados da USC, Mª Xosé Rodríguez Galdo; a neuróloga do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Susana Arias Rivas; a psiquiatra da Unidade de Trastornos Depresivos da USC Ángela Torres Iglesias; e o psicólogo da mesma unidade Fernando Lino Vázquez.
Manifesto
A Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), formada por 39 universidades públicas españolas, no marco da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, presenta un manifesto conxunto cunha idea de partida: “no contexto da crise económica, as políticas de igualdade continúan sendo esenciais na axenda das universidades e do resto de institucións públicas”.