Ir o contido principal

A USC e o Cesga participan nun proxecto europeo que desenvolverá un sistema de formación e acreditación de competencias TIC para o profesorado de primaria e secundaria

O grupo de Tecnoloxía Educativa da USC coordina a primeira das accións do proxecto

O grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC, xunto coa área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), participan nun proxecto europeo que vai desenvolver un sistema de formación e acreditación de competencias TIC de profesorado de Primaria e Secundaria.
Denominado ICTeachers, o proxecto está financiado pola Comisión Europea no marco do programa Lifelong Learning e inclúe a participación de institucións de Gran Bretaña, Hungría, Dinamarca e Austria, ademais de España. Deste xeito, este xoves 23 e venres 24 os investigadores principais dos equipos de cada país vanse reunir na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur. O encontro, ao que tamén acudirán profesionais dos distintos niveis da ensinanza pública en España, servirá para presentar o alcance do proxecto e traballar no deseño dos futuros cursos de formación.
Os equipos implicados no proxecto desenvolverán un sistema internacional para a formación dos profesores no uso didáctico das Tecnoloxías da Información e das Comunicación que repercuta na mellora da calidade dos procesos educativos e no incremento das posibilidades e uso destas tecnoloxías nas prácticas docentes.
O grupo de Tecnoloxía Educativa da USC está actualmente coordinando a primeira das accións do proxecto e será responsable de elaborar o informe de investigación sobre o estado da cuestión en Europa, base para definir o catálogo de competencias. Xa nun segundo momento, coordinará o curso piloto ICTeachers en España que certificará a USC.
Para o desenvolvemento dos cursos piloto en cada país, a área de e-learning do Cesga implementou e adaptou un soporte específico baseado na plataforma de software libre Dokeos. Este entorno dispón dun espazo virtual privado onde todos os socios comparten e intercambian información relativa a termos administrativos. O consorcio europeo seleccionou esta plataforma fronte outras propostas polo seu carácter intuitivo, sinxeleza, versatilidade e multi-idioma.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web do proxecto (http://www.icteacher.eu).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2009.