A USC, no chanzo 366 do mundo polo volume de publicacións científicas asinadas por mulleres
 
            A última edición do Ránking Leiden pon en valor a Universidade de Santiago de Compostela nos indicadores de ‘Xénero’ (366 do mundo e 11 do Estado), ‘Colaboracións’ e ‘Acceso aberto’ (546 a nivel internacional e 13 de España, en ambos os casos), e ‘Impacto científico’ (565 do mundo e, novamente, 13 de España). Na súa versión tradicional, esta clasificación recolle unicamente resultados de investigación, en concreto publicacións de artigos, a partir de datos bibliométricos de Web of Science recollidos en decembro de 2024 e que fan referencia ao período 2020-2023.
Deste xeito, esta clasificación elaborada polo Centre for Science and Technology Studies (CWTS) da Universidade de Leiden, nos Países Baixos, destaca o volume de publicacións científicas da USC asinadas por mulleres, as sinerxías con autorías doutras institucións á hora de publicar artigos, o volume de traballos difundidos en acceso aberto, así como o influxo das publicacións.
Por áreas de coñecemento, a USC destaca en Ciencias da vida e da terra, onde ocupa o banzo 313 do mundo e 10 de España; en Ciencias Sociais e Humanidades, no posto 427 a nivel internacional e 21 do Estado; en Ciencias biomédicas e da saúde, posto 539 no contexto mundial e 12 de España; Ciencias e enxeñaría, 662 do mundo e    13 de España; e Matemáticas e informática, 695 do mundo e 21 do Estado.