Ir o contido principal

Na USC, a ciencia en galego

O Día da Ciencia en Galego na USC comezou cun acto institucional no Museo de Historia Natural. Foto: Servimav-USC
O Día da Ciencia en Galego na USC comezou cun acto institucional no Museo de Historia Natural. Foto: Servimav-USC
Este mércores 4 celébrase o Día da Ciencia en Galego, dedicado este ano a Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota

Por cuarto ano, a USC celebra este mércores 4 o Día da Ciencia en Galego, un abano de actividades coas que se reivindica o dereito a unha formación científica en lingua galega en todos os niveis educativos. Este ano a efeméride está dedicada aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal, este último universalmente considerado como símbolo do científico galego.

O acto co que comezou o Día da Ciencia en Galego na USC presidiuno o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no Museo de Historia Natural. A esta sesión asistiron tamén a directora do Museo, María Isabel Fraga; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; Isidro Parga en representación da familia Parga Pondal; e o director do CEIP de Prácticas López Ferreiro, José Ramón Carril. Coincidindo con esta conmemoración, a entrada ao Museo é de balde durante todo o día.

O Día da Ciencia en Galego contempla un abano de actividades que, ademais do acto no MHN, terá continuidade noutras iniciativas como a da Biblioteca Xeral da USC que publica en formato PDF a obra ‘Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota na bUSC’ na que se recolle unha escolma da bibliografía que sobre o ilustre xeólogo e o profesor de Física se atopa nesta biblioteca.

En Lugo, ás 16.30 horas no Parque Rosalía de Castro, está programada a ruta xeolóxica ‘A historia que contas as pedras que pisas’. Posteriormente, ás 19.30 horas na Casa do Saber, celébranse dúas conferencias arredor de Parga Pondal como cidadán e como científico e, especificamente sobre o seu labor científico.

Obradoiros
Xa o sábado 7 o Museo de Historia Natural da USC acolle unha serie de obradoiros gratuítos arredor do pai da Xeoloxía en Galicia, para os que é preciso inscrición previa. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos visitarán en horario de mañá as coleccións do MHN nas que Parga traballou e realizarán actividades ao seu redor coas que poderán comezar a súa propia ‘Colección de pedras de Galicia como no seu día fixera Parga Pondal. A quenda dos adultos será o mesmo día en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas.

Ese mesmo día, a Biblioteca Intercentros de Lugo acolle de 10.30 a 19.00 horas o segundo ‘ Wikimaratón’ do Día da Ciencia en Galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2015.