A USC cita esta semana os 22 socios do proxecto AquaTrace, que avanza na identificación xenética de peixes silvestres e cultivados
O grupo Acuigen da USC citará esta semana en Santiago de Compostela os 22 socios que participan no proxecto ‘ AquaTrace’ no marco da terceira reunión anual dun consorcio europeo no que están representados 22 socios , entre universidades, centros de investigación e entidades e empresas privadas, e que ten por obxecto desenvolver ferramentas moleculares fiables e rendibles para a identificación da orixe xenética de peixes silvestres e cultivados, así como para a detección de cruce entre as poboacións cultivadas e silvestres.
Este traballo está centrado en tres especies mariñas de especial importancia económica e con actividades en acuicultura en crecemento, tales como son a lubina, a dorada e o rodaballo, así como en dúas especies relacionadas coa pesca deportiva, como o son o salmón e a troita.
A reunión anual de AquaTrace desenvolverase desde este martes ata o venres 29 de xaneiro no hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, onde se desenvolverán as distintas sesións previstas e entre as que se inclúe unha xornada de presentación de resultados ás industrias e ás administracións. Esta sesión aberta desenvolverase o xoves 28 de xaneiro, en horario de 13.30 a 15.30 horas. As persoas e empresas interesadas en participar deben formalizar previamente a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico monicaafrica.otero [at] usc.es (monicaafrica[dot]otero[at]usc[dot]es) A asamblea do consorcio AquaTrace, un proxecto a través do que se pretende apoiar o desenvolvemento da acuicultura europea de xeito sostible e ecolóxico, inclúe tamén outra sesión aberta a non socios deste proxecto, tal e como é a visita ás instalacións do Clúster da Acuicultura de Galicia (CETGA) no concello coruñés de Ribeira, programada para o venres 29 de xaneiro. As persoas interesadas en participar nesta expedición tamén deben formalizar a súa inscrición no enderezo de correo electrónico antes citado.