Ir o contido principal

USC e CIUDEN tecen sinerxías na busca dunha transición enerxética a prol do desenvolvemento económico

Antonio López e Arsenio Terrón no acto de sinatura. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e Arsenio Terrón no acto de sinatura. FOTO: Santi Alvite
O convenio marco presentado este luns no Colexio San Xerome contempla actividades científicas, formativas e de investigación coas que as dúas entidades procuran “unir esforzos”
Santiago de Compostela

Proxectos de investigación, actividades científicas e  formativas conforman o punto de encontro arredor do que USC e Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN traballarán os vindeiros catro ao abeiro dun convenio marco de colaboración. Neste senso, o documento asinado este luns 25 no Colexio San Xerome permitirá “estreitar as súas relacións, unir esforzos e establecer normas amplas de actuación”. O reitor Antonio López,  xunto a Arsenio Terrón e César López, director xeral e enxeñeiro de CIUDEN, respectivamente, deron a coñecer os detalles deste convenio marco co que a institución universitaria busca establecer sinerxías con esta Fundación que promove unha transición enerxética cara a descarbonización que xere desenvolvemento económico, social e emprego segundo os principios da economía verde e circular. No acto tamén estivo presente José Antonio Rodríguez Añón, coordinador do mestrado en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE) da USC. 

O documento abrangue a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico, así como aquelas outras relacionadas co aproveitamento de fontes de enerxías renovables e solucións híbridas. O impulso de accións vinculadas cos sistemas de almacenamento enerxético, como poden ser procesos de alta temperatura/eficiencia en sistemas  termoquímicos e electrólises; ou o almacenamento de hidróxeno e posible transformación en  vectores de  descarbonización, é outro dos eidos contemplados no acordo xunto con actividades comúns relacionadas coa integración térmica-aproveitamento de calores residuais.

Estudos de sustentabilidade, dixitalización de redes eléctricas e desenvolvemento de sistemas de xestión enerxética ou cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico completan a listaxe de ámbitos que conforman este convenio marco de catro anos de duración, alén do asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade das dúas entidades.

Prácticas

USC e CIUDEN avanzan na colaboración xa existente a través da realización de prácticas académicas do alumnado do Mestrado en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE) nas instalacións da Fundación. Deste xeito, contribúese a un maior achegamento entre os ámbitos laboral e universitario e a facilitar a capacitación e a formación do alumnado, de maneira que posibilite a súa inserción no mundo laboral. Así mesmo, esta colaboración realízase no novo marco da transición enerxética e ecolóxica onde as dúas entidades comparten áreas de interese común, dende o ámbito da I+D+i ata o desenvolvemento de ferramentas e protocolos que contribúan á implementación de proxectos sostibles.

Actualmente, a USC traballa no desenvolvemento de modelos e ferramentas que poderán ser de aplicación para os proxectos de transición enerxética en zonas de transición xusta, sendo xa algunhas destas ferramentas globalmente aceptadas e susceptibles de adaptación a rexións inmersas en procesos de transición. Ademais e como liña común, USC e CIUDEN móstranse abertas á colaboración con outras entidades públicas e privadas que puidesen mostrar interese en participar dos seus mesmos fins e obxectivos.

De esquerda a dereita, José Antonio Rodríguez Añón, Antonio López, Arsenio Terrón e César López. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José Antonio Rodríguez Añón, Antonio López, Arsenio Terrón e César López. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2022.