A USC e o Cluster Audiovisual Galego asinan un convenio marco de colaboración

A Universidade de Santiago de Compostela e o Cluster Audiovisual Galego (Clag) asinaron este martes un convenio marco de colaboración para favorecer a cooperación en actividades de carácter cultural, científico, pedagóxico e de investigación. A sinatura formalizárona o reitor Juan Viaño e o presidente do Clag, Andrés Barbé. O Clag (http://www.clag.es) é unha asociación sen ánimo de lucro constituída no ano 2003 como unha alianza das compañías que conforman o sector audiovisual galego e que inclúe entre os seus obxectivos potenciar a competitividade dos seus produtos, fomentar a I+D+i e investir en capital humano co obxecto de desenvolver proxectos empresariais que convertan Galicia nun referente da industria audiovisual. O Clag conforma unha alianza estable de preto de 40 compañías que participan en toda a cadea de valor do proceso de produción e distribución de produtos audiovisuais e de novas tecnoloxías, sendo declarada Agrupación de Empresas Innovadoras con nivel de excelencia polo Ministerio de Industria y Turismo. Tanto o Clag como a USC xa veñen colaborando en diferentes actividades –como o deseño dun Máster de Innovación e Creatividade aplicadas á Comunicación Dixital para o curso académico 2017-2018– e están decididas a continuar cooperando nos campos formativos, científicos e técnicos de interese común, incluíndo a participación en proxectos conxuntos, tanto de ámbito nacional como internacional. Neste sentido, consideran que a colaboración mutua pode mellorar as actividades ás que se dedican por separado e producir unha optimización dos seus recursos. Por iso establecen un amplo marco de cooperación, que abrangue a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento a realizar entre os institutos e centros da USC e do Clag, a cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico, o asesoramento mutuo, a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico, o intercambio de persoal por tempo limitado e cantas outras sexan consideradas de interese mutuo.