Ir o contido principal

A USC cofinanciará os custos de acceso a internet do seu alumnado durante o estado de alarma

Fachada da sede da Reitoría. Foto: Santi Alvite
Fachada da sede da Reitoría. Foto: Santi Alvite
Dirixido a alumnado de titulacións oficiais de grao e mestrado, a medida busca asegurar o seu acceso ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica e poderá solicitarse dende o luns 30
Lugo, Santiago de Compostela

A USC cofinanciará os custos dos plans de datos do alumnado matriculado en titulacións oficiais de grao e mestrado co fin de asegurar o seu acceso ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica. Esta medida, que se poderá solicitar dende o luns 30 de marzo, contempla os gastos de acceso a internet correspondentes ao mes no que se declarou o estado de alarma ou ao de abril. A medida queda recollida na resolución reitoral de 27 de marzo pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas concorrencia non competitiva para facilitar o desenvolvemento da docencia virtual do alumnado na USC polo COVID-19. O seu obxectivo é contribuír a que a docencia continúe coas mellores garantías posibles para o alumnado, especialmente aquel que se atope en situación de vulnerabilidade debido ao impacto social e económico que está tendo a crise polo COVID-19.

A cantidade máxima de datos cofinanciable será de 60 xigabytes (XB) en total, independentemente da modalidade contractual, bono, cambio temporal de tarifa, ou outras circunstancias similares. A axuda cofinanciará o 90 por 100 do gasto realizado pola persoa beneficiaria, non podendo superar en total 40 euros por persoa. Poderán acceder á consideración de beneficiarios o alumnado que estea matriculado nunha titulación oficial de grao ou mestrado no curso 2019-2020, e que cumpra os requisitos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Unicamente poderá solicitarse unha achega por persoa beneficiaria.

A presentación de solicitudes farase a través da Sede Electrónica da USC, empregando o formulario normalizado de solicitude disponible dirixido á Xerencia da USC. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 15 de abril. 

Suspensión do cobro de servizos

Paralelamente e derivado da declaración do estado de emerxencia sanitaria e de estado de alarma, a USC suspendeu o cobro das cotas do Servio Universitario de Residencias, así como da Escola Infantil Breogán e das actividades de extensión universitaria. Ademais, a institución procederá de oficio á devolución das cotas aboadas pola prestación destes servizos pola parte correspondente dende a data de peche das instalacións da Universidade e ata a fin da vixencia da instrucción VII/2020 da Xerencia, de 26 de marzo, pola que se establece a xestión orzamentaria como consecuencia da crise pola COVID-19.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2020.