Ir o contido principal

A USC colabora co Centro Galego de Arte Contemporánea na organización dunhas xornadas sobre a educación artística

As sesións académicas terán lugar do 2 ao 6 de xullo no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago

Para buscar vínculos entre a acción educativa e a acción artística, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) organiza en colaboración co Departamento de Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da USC o seminario ‘Arte en contexto. Arte, educación e cidadanía’. As xornadas celebraranse do 2 ao 6 de xullo de 10:00 a 14:00 horas no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago.
‘O relato do espectador: a relación coa arte e coa educación artística’ será o título da primeira xornada do encontro na que participarán o profesor da Universidade Pública de Navarra, Imanol Aguirre, e a artista integrante do grupo Ecosistemaurbano, Belinda Tato.
Na seguinte xornada, denominada ‘Relato dunha experiencia: caderno do paseante’, a profesora e investigadora portuguesa María Teresa Torres Pereira da Eça e a artista Mónica Alonso pronunciarán as súas respectivas conferencias para despois participar nun espazo de debate. Despois, na sesión do mércores, día 4, participarán o director da acción educativa e públicos do Centre Georges Pompidou, Vicent Poussou; e os artistas Lara Almárcegui e Eileen Adams.
Xa o xoves 5, o centro contará coa presenza do profesor da Universidade de Granada Ricardo Marín e do artista e profesor en The School of the Art Institute of Chicago, Xavier Toubes. No transcurso desta xornada, varios estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e a profesora da USC María Jesús Agra presentarán a súa proposta de ‘Espazo educativo’. Na última sesión e como peche do encontro farase un resumo das reunións e o grupo SIVA desenvolverá a súa proposta de acción.
Ao mesmo tempo que se celebran estas xornadas, o CGAC será o punto de encontro a partir das 16:00 horas das propostas de acción que realizarán os artistas Belinda Tato, Mónica Alonso, Eileen Adams e Lara Almárcegui.
En xeral, estas sesións académicas permitirán coñecer diferentes experiencias encamiñadas a activar a educación artística e a promover proxectos cooperativos nos que a sociedade asume un papel de dinamizador da cultura e do espazo urbano. Así, experiencias como a do ‘Caderno do paseante’ e ‘Espazo educativo’ xunto coas reflexións de espectadores e usuarios da arte contadas en primeira persoas terán cabida nun curso que pretende abordar todo tipo de cuestións sobre a educación artística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2007.