A USC colabora na organización do Día Internacional da Luz 2019 en España

O Comité Español do Día Internacional da Luz (DIL) aprobou recentemente a designación de Santiago de Compostela como sede do acto central da celebración do DIL en España no presente ano. A USC será a encargada de organizar o evento a través do comité organizador local que preside a profesora María Teresa Flores Arias e no que tamén participan a decana da Facultade de Física, Elena López Lago; a profesora Carmen Bao Varela; e os profesores Justo Arines Piferrer e Vicente Moreno de las Cuevas. O alumnado estará representado neste comité pola presidenta da Student Chapter da Sociedade Americana de Óptica (OSA) na USC, María Aymerich.
Neste contexto, xa abriu o prazo de recepción de traballos un concurso fotográfico cuxo prazo de presentación se estenderá ata o día 23 de abril. O obxectivo desta convocatoria é celebrar este evento destacando as imaxes máis interesantes e de calidade relacionadas con algún fenómeno óptico. A fotografía debe ser enviada ao enderezo de correo electrónico SantiagoDIL2019 [at] gmail.com (SantiagoDIL2019[at]gmail[dot]com), xunto co nome do participante, un título do traballo e modelo de cámara coa que se obtivo.
Acto central
O acto central da celebración do DIL terá lugar o 15 de maio de 2019 no Hostal dos Reis Católicos, arredor de conferencias divulgativas sobre diversos aspectos actuais da fotónica e obradoiro con experimentos que estarán destinados ao público xeral e especialmente a estudantes de educación secundaria. Para finalizar esta xornada realizarase unha actividade de Lightpainting pola noite na praza do Obradoiro, con obxecto de promover o impacto do DIL e dar a coñecer a importancia das tecnoloxías da luz.