Ir o contido principal

A USC colabora na organización do I Foro Editorial de Estudos Hispánicos e Americanistas

Un encontro promovido pola UNE e o Instituto Cervantes

A Universidade de Santiago de Compostela colabora na organización do I Foro Editorial de Estudos Hispánicos e Americanistas que baixo o título ‘España e América no Bicentenario das Independencias’ desenvolverase entre os días 21 e 23 de abril na Universidade Jaume I de Castellón.
O Foro, promovido pola Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) e o Instituto Cervantes, formúlase como un encontro transatlántico entre España e América que amplíe os lazos que unen a estas culturas a través da lingua e o coñecemento.
Co fin de visualizar o libro universitario como vehículo privilexiado para a transmisión do saber científico terá lugar en paralelo o I Salón do Libro Universitario UNE no que se exporán as principais novidades bibliográficas das editoriais universitarias españolas e latinoamericanas e no que a USC mostrará a súa produción editorial no campo das Ciencias Humanas e Sociais.
Historia; Linguas e Literaturas; e Política, cultura e comunicación de España e América son os temas que se abordarán en cada un dos días do encontro. As xornadas, en horario de mañá, acollerán tres conferencias e unha mesa redonda en tanto que as sesións vespertinas se dedicarán á lectura de comunicacións cuxo prazo de presentación está aberto ata o próximo 15 de marzo.
Entre os conferenciantes figuran expertos de renome como o escritor e ensaísta Fernando Aínsa; Jaime E. Rodríguez, da Universidade de California, Irvine; Inés Quintero, da Universidade Central de Venezuela; Juan Marchena, da Pablo de Olavide; Manuel Ángel Vázquez Medel, da Universidade de Sevilla; Adela Cortina, da (Fundación ÉTNOR; e Jesús Martín Barbero, do Consello Nacional de Ciencias Sociais e Consello Nacional de Cultura de Colombia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2010.