A USC colabora nas Xornadas de análise para o ensino popular
A USC colabora no desenvolvemento da terceira edición das ‘Xornadas de análise para o ensino popular. Un percorrido polas propostas de ensino á marxe do Estado’ que se celebrarán en Compostela os próximos 7 e o 8 de marzo. A Universidade compostelá acreditará a asistencia ao encontro, que terá unha carga lectiva de 12 horas. As xornadas celebraranse nas instalacións do Mupega e do Centro Social O Pichel realizando un percorrido polas escolas de emigrantes galegos, un achegamento a propostas experimentais como a Escola de Barreiros e continuando polas escolas de ensino galego das Irmandades da Fala (1926-1931) ou polas experiencias racionalistas en Galicia antes de 1936, entre outros temas. As persoas que desexen o diploma acreditativo deberán formalizar a súa inscrición antes do 3 de marzo. Pode atoparse máis información na web das xornadas http://jornadasdeanalise.blogspot.com.es/p/blog-page.html.