Ir o contido principal

A USC colaborará co concello de Cospeito e a Asociación de empresarios de Muimenta no desenvolvemento dos sectores produtivos da zona

Momento da presentación do acordo asinado entre a USC, o Concello de Cospeito e a Asociación de Empresarios de Muimenta
Momento da presentación do acordo asinado entre a USC, o Concello de Cospeito e a Asociación de Empresarios de Muimenta
As tres entidades asinaron un acordo de colaboración, que fai especial fincapé na promoción do sector agrícola e gandeiro

Colaborar na promoción do sector agrogandeiro, fomentando á súa modernización, e unir esforzos no desenvolvemento de actividades de investigación, formación e divulgación así como no intercambio de experiencias e materias de interese común, é o obxectivo do acordo asinado este venres pola USC, o Concello de Cospeito e a ‘Asociación de comerciantes, empresarios, profesionais, gandeiros e autónomos’ da localidade de Muimenta.
Este acordo regula a futura participación conxunta das tres entidades en proxectos de recoñecemento e modernización do sistema produtivo do municipio de Cospeito, facendo especial fincapé no sector gandeiro pero tamén en todo o relacionado co eido empresarial, medioambiental, cultural e do patrimonio.
Coa sinatura deste convenio tense en conta a importancia, tanto económica como social, que o sector agrícola e gandeiro ten na comarca da Terra Cha, en especial nos concellos de Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei, onde están censadas máis da metade das cabezas de gando vacún de toda a provincia luguesa, polo que resulta fundamental que este sector sexa competitivo.
En representación das tres entidades, asinaron o acordo o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño; e a presidenta da Asociación de comerciantes, empresarios, profesionais, gandeiros e autónomos de Muimenta, María José Neira Maseda.
Esta asociación é a organizadora da Mostra-exposición de Muimenta (a Moexmu), que acolle a maior feira de gando de toda a provincia e que ven de celebrar a súa vixésimo sexta edición nesta localidade de Cospeito. A agrupación de empresarios, comerciantes e gandeiros organiza outras citas destacadas do concello chairego, como é o caso da Festa da Filloa e outras citas de exaltación do patrimonio histórico e cultural da zona.
Colaboración coa Moexmu O concurso, a exposición e a poxa de gando que se desenvolven anualmente no marco da Mostra Exposición de Muimenta artella un dos eixos principais do acordo asinado.
A USC comprométese a traballar coa Comisión organizadora e co concello de Cospeito na posta en marcha das vindeiras edicións da feira, ao considerar que esta cita é unha importante vía de promoción do sector gandeiro ao tempo que contribúe a fixar a poboación no medio rural e a dignificar o sector, poñendo en valor e sendo escaparate do traballo dos gandeiros galegos.
O sector agrogandeiro é de vital importancia, tanto económica como social na comarca da Terra Cha, en especial para os concellos de Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei que teñen censadas máis da metade das cabezas de gando vacún de toda a provincia, polo que é fundamental que sexa competitivo.
A Moexmu contará, dende agora, coa estreita colaboración do persoal da USC, especialmente da Facultade de Veterinaria de Lugo e do Hospital Veterinario Rof Codina, que poderán aportar aos organizadores, gandeiros, profesionais veterinarios e xuíces de gando que participan no evento, os seus coñecementos expertos sobre os animais e todo o relacionado co tema agropecuario, e mesmo poderán facer as atencións puntuais que se requiran.
Esta colaboración servirá ademais aos estudantes de Veterinaria de importante toma de contacto cun sector no que poden desenvolver o seu futuro profesional, ampliando deste xeito a formación que reciben na facultade luguesa, todo un exemplo no impulso á investigación clínica e innovación científica e un modelo para as facultades europeas, tanto polo seu labor nos distintos aspectos de formación continua dos alumnos como polo seu papel na asistencia a gandeiros e propietarios de animais a través do servizo de asistencia ambulante.
Máis traballo conxuntoAdemais de colaborar na posta en marcha das futuras edicións da Moexmu, a USC impulsará a innovación e modernización do conxunto do sistema produtivo do municipio chairego mediante as actividades de formación, investigación e desenvolvemento científico e tecnolóxico que lle son propias.
A institución académica orientará ao Concello de Cospeito e á Asociación de Empresarios de Muimenta na posta en marcha de cursos e charlas informativas sobre temas de interese común, sobre todo relacionados co sector gandeiro e agrícola, contribuíndo a desenvolver toda unha política de I+D dentro do municipio.
O acordo asinado este venres, e ao amparo do cal se poderán redactar novos convenios específicos, ten unha vixencia de cinco anos e poderá renovarse por períodos iguais co acordo das tres partes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2010.