Ir o contido principal

A USC colaborará no estudo da mobilidade de terras en Galicia

Asinouse un convenio coa Fundación Juana de Vega e as Consellarías de Medio Rural, Facenda e Medio Ambiente

Os conselleiros do Medio Rural, Ángeles Vázquez, de Facenda, Valeriano Martínez, e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron hoxe un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega para a observación da mobilidade e o mercado da terra agraria en Galicia, así como para o intercambio de información entre estas entidades.

Coa creación do Observatorio da Mobilidade de Terras búscase a posta en marcha dunha metodoloxía de seguimento da mobilidade de terras rústicas de Galicia para mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan a nivel parroquial/municipal e no conxunto de Galicia, co obxectivo de ofrecer a todos os axentes implicados información válida para a toma de decisións.

Este convenio dá continuidade ao proxecto ‘Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial’ levado a cabo nos anos 2013 e 2014 entre a USC, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Fundación Juana de Vega e que asentou as bases deste observatorio. Entre os seus propósitos principais estaba o de deseñar un protocolo institucional, técnico e tecnolóxico para a mellora da caracterización e comprensión da mobilidade de terras en Galicia, co obxecto de analizar e comprender os mercados de terras, os efectos que teñen na mobilización produtiva da terra agrícola e, a través dela, na flexibilidade e eficacia da produción primaria.

Dese proxecto concluíuse que as fontes máis axeitadas para obter información sobre as dinámicas de mobilidade de terras son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais. Tamén era preciso acceder ao Sistema de Información Xeográfica Catastral (Sixca) e ao Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), que permiten obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas. Analizaranse ademais os indicadores do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e o mapa de aptitude produtiva do solo, entre outros, para facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais.

Entre as tarefas concretas que realizará o Laboratorio do Territorio(LaboraTe) da USC figuran a elaboración dos indicadores de mobilidade de terras, o deseño do módulo para dispor a información na web do banco de terras e a elaboración dos informes anuais de seguimento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.12.2016.