A USC e o Colexio de Avogados de Santiago asinan unha addenda ao convenio para impartir o Máster de Avogacía

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, asinaron este xoves unha addenda ao convenio de colaboración asinado en 2012 para impartir conxuntamente o Máster en Avogacía, obrigatorio para o exercicio profesional. O engadido fai referencia ao réxime económico do posgrao, no que se implicará de maneira directa a Escola de Práctica Xurídica (EPX), unha escola profesional mixta creada nos anos oitenta por ambas institucións e que hoxe é un referente en toda España. Á sinatura asistiu o director desta Escola, Lotario Vilaboy, quen mostrou a súa satisfacción pola modificación do convenio, “que nos permite de novo levar a capacidade de xestión deste máster”. A USC e Colexio de Avogados veñen colaborando dende hai máis de vinte e cinco anos na impartición deste tipo de formación especializada así como noutros ámbitos formativos, de xeito nomeado no Practicum da licenciatura en Dereito así como na formación de profesionais. O convenio asinado regulaba a docencia conxunta así como a organización do período formativo das prácticas externas deste posgrao. A partir de agora, para atender especificamente as obrigas deste máster as cantidades que a USC debera transferir ao Colexio se incorporarán ao orzamento da EPX que, de existir créditos dispoñibles sobrantes, poderanse dedicar a atender outras actividades formativas. Máster en Avogacía O posgrao da USC, que na presente edición duplicou o número de estudantes, habilita para o acceso á proba de avaliación final acreditativa da capacitación profesional para a obtención do título de avogado. A lexislación actual condiciona o acceso ás profesións de avogado e de procurador de tribunais á posesión da licenciatura ou grao en Dereito, á superación dun curso de formación específico e dun período formativo de “prácticas externas”, así como á superación dunha proba de avaliación final. O Máster en Avogacía reúne un dobre perfil, habilitante para o exercicio profesional e como posgrao oficial universitario, integrándose como tal dentro do espazo europeo de ensino universitario. O programa consta de 90 créditos ECTS, 60 correspondentes ao curso de formación e 30 de prácticas externas. No que respecta a estas prácticas, os titores son profesionais da avogacía vinculados ao Colexio cunha antigüidade no exercicio profesional de polo menos cinco anos. Asinaron a addenda ao convenio, Juan Viaño e Evaristo Nogueira