A USC e o Colexio de Avogados de Santiago colaborarán na impartición do Máster en Avogacía

A USC e o Colexio de Avogados de Santiago colaborarán na impartición e docencia conxunta da formación profesional do Máster universitario en Avogacía, así como na organización do período formativo das prácticas externas deste posgrao. O acordo quedou formalizado nun convenio asinado polo reitor Juan Casares e o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, nun acto no Salón Reitoral do Colexio da San Xerome. Este posgrao universitario habilitará para o acceso á proba de avaliación final acreditativa da capacitación profesional para a obtención do título de avogado. Neste senso, a lexislación actual condiciona o acceso ás profesións de avogado e de procurador de tribunais á posesión da licenciatura ou grao en Dereito, a superación dun curso de formación específico e dun período formativo de “prácticas externas”, así como á superación dunha proba de avaliación final. O Máster en Avogacía reunirá un dobre perfil, habilítante para o exercicio profesional conforma á lexislación e como posgrao oficial universitario, integrándose como tal dentro do espazo europeo de ensino universitario. O programa constará de 90 créditos ECTS, 60 correspondentes ao curso de formación e 30 de prácticas externas. O persoal docente que impartirá o primeiro bloque debe ter unha composición equilibrada entre avogados e docentes universitarios de forma que, en conxunto, non superen ningún deles o sesenta por cento nin sexa inferior ao corenta por cento. No que respecta ás prácticas profesionais externas, os titores serán profesionais da avogacía vinculados ao Colexio cunha antigüidade no exercicio profesional de polo menos cinco anos. Durante este período de prácticas, o estudantado contará cun coordinador de prácticas e participarán dun proceso formativo no que a metodoloxía se baseará na formación activa e participativa, na asimilación progresiva de experiencias e no razoamento xurídico tendente ao exercicio da avogacía. O convenio asinado terá validez ata finalizar a primeira edición do máster, prorrogándose automaticamente por iguais períodos agás que calquera das partes manifeste a súa contade contraria. A USC e Colexio de Avogados veñen colaborando dende hai máis de vinte e cinco anos na impartición deste tipo de formación especializada así como noutros ámbitos formativos, de xeito nomeado no Practicum da licenciatura en Dereito así como na formación de profesionais. Neste marco e como se puxo de manifesto no acto de sinatura, resulta clave o labor da Escola de Práctica Xurídica creada por ambas institucións e homologada polo Consello Xeral da Avogacía Española.