Ir o contido principal

A USC comeza a preparar os encontros co alumnado de ensino medio

A Universidade de Santiago de Compostela volve organizar este ano os encontros na Zona USC para que o alumnado de ensino medio coñeza os campus, tanto de Santiago como de Lugo, e obteña información de primeira man sobre os estudos que pensan cursar. A tal efecto, a universidade enviou xa aos centros de toda Galicia a información cos itinerarios e prazos de inscrición, que varía en función dos campus que se trate.

En Compostela, os encontros terán lugar os días 2, 3 e 4 de febreiro, e a inscrición rematará o vindeiro 28 de xaneiro. Neste campus organízanse 14 percorridos matinais por distintos centros docentes, os que interesen a cada alumno, e catro pola tarde a elixir entre dúas residencias universitarias, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, o Patrimonio Histórico da USC e o Museo de Historia Natural.

O formato para Lugo é algo distinto. Nese campus haberá tres xornadas de concentración de centros de secundaria en diferentes datas –non coincidentes con avaliacións– como son o 11 de febreiro, o 18 de marzo e o 5 de abril. A programación será a mesma nesas xornadas, nas que o estudantado poderá coñecer en oito itinerarios as facultades e escolas e as diferentes propostas académicas que ofrecen entre as que máis lle interesen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2016.