Ir o contido principal

A USC completa con 21 novos graos a adaptación da súa oferta de inicio de estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior

Os datos da matrícula para o curso 2010-2011 na USC presentáronse en rolda de prensa en Fonseca
Os datos da matrícula para o curso 2010-2011 na USC presentáronse en rolda de prensa en Fonseca
O proceso de matrícula comeza o vindeiro mes de xullo

A Universidade de Santiago ofertará para o curso 2010-2011 un total de 49 graos, dos que 21 se imparten por vez primeira, completando así a adaptación da súa oferta de inicio de estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Do total, 33 cursaranse no Campus de Compostela (24 con límite de prazas) e 16 no de Lugo. Este proceso de adaptación vense facendo dende hai anos na USC, de maneira que no curso que agora remata hai xa graduados en Ciencia Política e da Administración, en Economía e en Enxeñaría Informática. Á oferta oficial de graos súmanse ademais tres títulos propios en Compostela: o Graduado en Ciencias Criminolóxicas e da Seguridade Pública (1º Ciclo); o Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras (1º Ciclo); e o Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras (2º Ciclo). Novidades en Lugo Como novidades salientables, en Lugo destacan o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, cun enfoque diferente á Licenciatura en Humanidades; o de Nutrición Humana e Dietética, que viría a substituír a Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; o de Comercialización e Loxística, que supón a transformación da Diplomatura en Estudos Empresariais nun grao cun enfoque específico; e as enxeñarías con denominación actualizada conforme á normativa específica de profesións reguladas. Matrícula O prazo de matrícula para os estudantes que iniciarán estudos en titulacións con límite comezará o día 19 de xullo coa primeira quenda establecida en función das prioridades do alumnado. Nese mesmo mes haberá outra quenda máis para logo pasar ao mes de setembro con tres prazos de matrícula e outros tantos en outubro, sendo o derradeiro día de matrícula o 22 dese mes. No caso dos títulos sen límite, establécese un único período de matrícula que se estende do 7 de xullo ao 10 de setembro. Para estes graos, haberá un segundo prazo de matrícula no segundo cuadrimestre do 11 ao 25 de febreiro de 2011. Todos os estudantes, incluídos os de primeiro curso, deberán facer a matrícula por internet (www.usc.es/matricula). O pagamento das taxas poderá ser único ou fraccionado en tres prazos, o primeiro coa matrícula, o segundo en decembro e o último na primeira quincena de marzo. Másters oficiais No que respecta aos másters oficiais, a Universidade compostelá oferta 80 títulos. Dezaseis pertencen á rama de Ciencias (8 interuniversitarios); en Ciencias da Saúde impartirá 13, (4 interuniversitarios), 9 en Santiago e 4 en Lugo; de Ciencias Xurídico e Sociais 24 (3 interuniversitarios), dos que 23 son en Compostela; na rama de Enxeñarías e Arquitectura 12 (5 interuniversitarios), 5 en Santiago e 7 en Lugo; e en Humanidades 15 (4 interuniversitario), 14 no campus compostelá. Os alumnos que desexen iniciar un máster sen límite de prazas o vindeiro curso deberán matricularse do 14 de xullo ao 10 de setembro, mentres que para os que o fagan nun título con límite a matrícula provisoria estenderase do 4 ao 10 de setembro. Calendario académico dos graos O curso 2010-2011 estenderase do 13 de setembro ao 30 de xullo, de xeito que o primeiro cuadrimestre rematará o 27 de xaneiro, e o segundo abranguerá do 31 de xaneiro ao 3 de xuño. Ampla oferta de actividades

Comprometida coa formación integral, non só académica, senón tamén dos estudantes como individuos que forman parte dunha comunidade más ampla e en último termo da sociedade, a USC ofrece ademais amplas instalacións deportivas, numerosas actividades culturais, unha extensa rede de bibliotecas e salas de lectura con horarios flexibles ao longo do ano, a posibilidade de estudar idiomas, rede de aulas de informática con acceso directo a Internet, a tarxeta universitaria de identidade (TUI) con descontos en numerosos establecementos, a comunicación das notas por móbil, actividades solidarias de voluntariado ou aluguer de bicicletas, entre moitas posibilidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2010.