Ir o contido principal

USC, Concello e Deputación de Lugo presentan este venres o programa de actividades de Lugo Cultural para 2016

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado provincial delegado da área de Cultura, Xosé Ferreiro, presentarán este venres, día 15 de xaneiro, a partir das 13.00 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do campus lugués, un avance das actividades culturais planificadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural para o ano 2016.

A oferta de actividades previstas para 2016 ao abeiro do convenio Lugo Cultural, en cuxo financiamento participan USC, Concello e Deputación de Lugo, é ampla e, ademais de conservar os principais sinais de identidade dunha programación lúdica e cultural aberta á participación de todos os públicos e xa consolidada na capital luguesa, inclúe tamén novas propostas. A música clásica, galega e de vangarda, teatro, danza, fotografía e cine seguirán a ser un ano máis os piares fundamentais do Lugo Cultural, un convenio a través do que a USC, grazas ao apoio recibido das institucións locais, dá especial visibilidade ás accións de extensión universitaria no campus lugués.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2016.