Ir o contido principal

A USC e o Concello de Lugo asinan un convenio para o fomento da investigación no Grao de Nutrición Humana e Dietética

Juan Casres (esquerda) e Francisco José Fraga, durante a sinatura do convenio de colaboración entre a USC e o Concello de Lugo
Juan Casres (esquerda) e Francisco José Fraga, durante a sinatura do convenio de colaboración entre a USC e o Concello de Lugo
A través deste acordo a Facultade de Ciencias, na que se imparte esta titulación, poderá utilizar pezas óseas do cemiterio de San Froilán nas prácticas do alumnado

A USC e o Concello de Lugo asinaron un convenio de colaboración para a cobertura das necesidades docentes e de investigación científica no Grao de Nutrición Humana e Dietética que se imparte na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. No acto de sinatura participaron o reitor da USC, Juan Casares, e o delegado da Área de Servizos Sociais e Modernización Administrativa do Concello de Lugo, Francisco José Fraga López. A través deste convenio, a Facultade de Ciencias poderá dispoñer de pezas óseas cadavéricas procedentes dos osarios que albergan os restos das sepulturas da sección de comúns do cemiterio municipal de San Froilán. O obxectivo é dispoñer neste centro formativo dun banco de mostras anatómicas óseas para as prácticas do alumnado, especialmente na materia de Anatomía Humana. O reitor da USC destacou na súa intervención “a harmonía existente entre o Campus e o Concello de Lugo, nunha actitude de colaboración permanente que xa se concretou anteriormente en proxectos como o máster de Avogacía, a cesión da parcela para a construción do novo edificio da Aula de Produtos Lácteos ou a celebración en Lugo os dous últimos anos da recepción aos mellores expediente da selectividade dentro do programa ‘A Ponte’”. Francisco Fraga, pola súa parte, amosou a “total dispoñibilidade do Concello” para seguir colaborando coa institución académica, “especialmente no apoio a carreiras novas e con gran proxección, como este grao en Nutrición Humanas e Dietética”. Ademais do seu labor político, Fraga é profesor na Facultade de Ciencias na que se imparte esta titulación. O edil asegurou tamén que o Concello de Lugo está aberto á colaboración para a realización de calquera outro tipo de accións académicas que teñan como protagonista o cemiterio municipal de San Froilán, xa sexan no ámbito arqueolóxico, turístico ou da difusión cultural. A retirada destes restos será realizada por persoal da Facultade de Ciencias, segundo os procesos recollidos na normativa hixiénico-sanitaria establecida para este tipo de actividades. Unha comisión de seguimento constituída por representantes de ambas as institucións velará polo cumprimento dos contidos deste acordo, elaborará os protocolos precisos para a implantación da iniciativa e poderá facer as modificacións que se consideren precisas durante a súa execución. A Facultade de Ciencias, como contrapartida a esta cesión, contribuirá á promoción e difusión das actividades socio-culturais e turísticas que se celebren no cemiterio municipal de San Froilán e, dentro do seu programa académico, incluirá a realización dunha visita histórica ao cemiterio para os seus estudantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2012.