Ir o contido principal

A USC e o Concello de Palas de Rei celebran dende este venres o IV Congreso Camiño de Santiago sobre coñecemento e evolución

O concello de Palas de Rei será sede do IV Congreso Internacional Camiño de Santiago 'Coñecemento e Evolución', que se celebrará dende o venres 23 e ata o domingo 25 en xornada de mañá e tarde, organizado polo propio Concello e a Universidade de Santiago, entre outras institucións.
Estas xornadas están orientadas á profesionais e estudantes das Ciencias da Educación centrándose nas estratexias do coñecemento humano e nos diferentes métodos de transmisión. De feito, a comunicación oral, os métodos pedagóxicos actuais e a evolución do coñecemento son os eixes principais dos relatorios que se sucederán estes tres días e nos que xoga un papel fundamental o Camiño de Santiago.
A inauguración do congreso terá lugar ás 10:00 horas por parte do alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o vicedecano de Converxencia Europea e Calidade da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Jesús Rodríguez Rodríguez, e o subdelegado do Goberno, Jesús Otero.
O comité científico do congreso está conformado polos profesores composteláns Jesús Rodríguez, María Isabel Morán, Manuel Cecilio Díaz e José Luis Rodríguez, o vigués José Martinho Montero, a brasileira Yara Frateschi e o portugués José Eduardo Franco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2007.