Ir o contido principal

USC, Concello, Politécnica de Madrid e Deputación tratan este venres avances e novas accións do LIFE Lugo+Biodinámico

Cuberta Gridshell desenvolvida no marco deste proxecto e instalada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Cuberta Gridshell desenvolvida no marco deste proxecto e instalada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
As reunións dos comités de dirección, xestión e seguimento do programa da Comisión Europea desenvolveranse no consistorio lugués en quenda de mañá

O equipo do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, un programa europeo de adaptación ao cambio climático coordinado polo Concello de Lugo e no que tamén participan, entre outros socios beneficiarios, a USC, a través do seu Campus Terras, e a Universidade Politécnica de Madrid, ademais da Deputación Provincial de Lugo, que achega financiación, e a spin off da USC 3edata, responsable da xestión da iniciativa, avaliará este venres 4 de maio no consistorio lugués o grao de desenvolvemento das diversas actuacións programadas, ao tempo que tratará posibles novas accións, no marco das reunións dos comités de dirección, xestión e seguimento do proxecto.

As xornadas de traballo nas que participarán representantes das diversas entidades e institucións asociadas neste programa desenvolveranse na sede do consistorio lugués a partir das 9.15 horas e prolongaranse en quenda matinal. Estas sesións servirán para dar conta dos avances do proxecto, ao tempo que permitirán definir e planificar novas actividades a desenvolver nun futuro inmediato.

O principal obxectivo deste programa LIFE da Comisión Europea pasa por establecer unha estratexia innovadora de planificación urbana na cidade de Lugo, destinada a actuacións en barrios e áreas residenciais, a fin de conseguir tecidos urbanos resistentes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Entre as actuacións destacadas deste proxecto cómpre citar a elaboración dun catálogo de solucións de deseño urbano para ser aplicadas na Estratexia de Adaptación Climática en ámbitos residenciais, a recuperación dunha zona húmida no polígono industrial das Gándaras, o establecemento de parcelas demostrativas de frondosas autóctonas como demostración do potencial de produción de madeira de calidade, a creación dun Arboretum, a través do que é posible reproducir hábitats naturais de Galicia, ou o deseño e construción do edificio de madeira estrutural ‘Impuslo Verde’, como referente de cambio na loita fronte ao cambio climático.

No marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, un programa europeo que conta con implicación activa de diversos investigadores e equipos de traballo do Campus Terra da USC, o Concello de Lugo uniuse ao Pacto dos Alcaldes, que é o maior movemento mundial de cidades pola acción local en clima e enerxía, co obxectivo de implantar medidas nesta materia.

Área húmida recuperada no polígono lugués das Gándaras

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2018.