Ir o contido principal

A USC e o Concello de Santiago recuperan o Premio Xohana Torres

A USC e o Concello de Santiago recuperan o Premio Xohana Torres
A USC e o Concello de Santiago recuperan o Premio Xohana Torres

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, asinaron este venres o convenio que recupera a convocatoria do Premio Xohana Torres, instituído polo Concello de Santiago en 1993 e interrompido no 2010.

A nova convocatoria, aínda mantendo o propósito de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido na vida da comunidade galega, orientarase agora á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela. Así mesmo, nesta edición, ademais de dirixirse a ensaios literarios ou científicos, o premio ábrese a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, facer visible as súas experiencias e os diversos roles sociais que teñen desempeñado.

Así, os traballos que se presenten ao Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres deberán tratar da participación social e política das mulleres compostelás e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. O prazo de presentación comeza o día 8 de marzo e remata o 31 de decembro.

A USC comprométese a publicar as obras premiadas, cun mínimo por edición de 300 exemplares do traballo de ensaio e cun mínimo de 300 CDs do traballo audiovisual, e á súa difusión no ámbito universitario.

O premio
O Xohana Torres instituíuno en 1993 a Concellaría de Igualdade de Santiago en colaboración coa USC e decidiuse denominalo invocando a figura e dimensión da poeta, dramaturga, novelista, pensadora e académica compostelá Xohana Torrres. Na única modalidade de investigación convocouse durante dezasete edicións, chegando a publicarse, por parte da editorial da USC, algúns títulos gañadores que hoxe constitúen referencias no seu campo como, entre outros, o libro de Serrana Rial O traballo das mulleres na Galicia rural do Antigo Réxime (Premio Xohana Torres, 2007), último dos publicados na modalidade de investigación.

Nas edicións de 2009 e 2010 decidiuse reorientar o galardón cara ao ensaio e así se fallaron dous premios, coa correspondente edición, dos títulos Transféminas ou como deconstruír o corpo co martelo, de Iria Presedo Martínez, e O monte é noso. As mulleres e a conflitividade social no medio rural galego, de Araceli Freire Cedeira.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2016.