Ir o contido principal

USC e Concello traballan na humanización do campus

A humanización do campus é unha das prioridades do futuro protocolo entre a USC e o Concello. Foto: Santi Alvite
A humanización do campus é unha das prioridades do futuro protocolo entre a USC e o Concello. Foto: Santi Alvite
Ambas as dúas institucións asinarán en xaneiro de 2020 un protocolo para o desenvolvemento de accións conxuntas en materia de regularización patrimonial
Santiago de Compostela

A USC e o concello de Santiago asinarán ao longo mes de xaneiro de 2020 un protocolo que regulará a relación entre ambas institucións e que permitirá actualizar a regularización patrimonial, a participación en Uninova, así como acometer a humanización do Campus compostelán. A Universidade “non é só unha aposta estratéxica de futuro, senón unha parte esencial da historia e da conformación de Santiago” afirmou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo xunto co reitor Antonio López nun encontro este martes no concello para avaliar o desenvolvemento de diversas xuntanzas de traballo celebradas ao longo das últimas semanas entre ambas institucións.

Coa intención de comezar a desenvolver as primeiras actuacións no primeiro trimestre de 2020, a administración local ten previsto destinar unha partida inicial de arredor de 400.000 euros para diversos proxectos que, entre outras cuestións, permitirán avanzar no desenvolvemento da senda segura no campus, un proxecto xa iniciado pola Universidade de Santiago con diversas tarefas de limpeza e co reforzo da presenza da patrulla de seguridade da USC nesta zona da cidade. Ademais, e coa finalidade de avanzar na humanización do campus universitario, como explicou o reitor Antonio López, as posibles actuacións a desenvolver ao abeiro deste protocolo de colaboración inclúen mellorar a iluminación, o arranxo de beirarrúas ou a liberación de zonas de aparcamento que deberían acompañarse da reorganización do tráfico en zonas concretas e do establecemento de aparcamentos alternativos. Neste senso, o alcalde indicou que o concello agarda estar en condicións de licitar as oportunas accións no primeiro trimestre do vindeiro ano.

O reitor Antonio López e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, no encontro cos medios de comunicación. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, no encontro cos medios de comunicación. Foto: Santi Alvite

Regularización patrimonial
A maiores das iniciativas encamiñadas a este proceso de humanización, o protocolo permitirá a regularización patrimonial entre Universidade e Concello de xeito que se actualice e formalice a relación entre ambas no relativo á utilización de determinados espazos como a Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega ou o actual edificio ocupado para os estudos de grao e posgrao de Odontoloxía.

Ademais, o reitor e o alcalde explicaron que existe un principio de acordo polo que a administración local adquirirá unha parte das accións da USC na sociedade Uninova, converténdose en accionista maioritario a partir do vindeiro ano. Sánchez Bugallo sinalou a vontade do concello de darlle un novo impulso e a unha nova orientación a esta sociedade, postura compartida polo reitor quen subliñou a necesidade de traballar na promoción e apoio a novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica, por ser elementos que axudarán a dinamizar este sector na cidade e a impulsar o coñecemento e a súa transferencia á sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2019.