Ir o contido principal

USC e Confederación de Empresarios da Coruña colaboran para medir o gas radon nos postos de traballo

Medidor de radon
Imaxe de arquivo dun medidor de radon. FOTO: Santi Alvite
Xunto con Estremadura, Galicia é a comunidade con maior presencia deste isótopo radioactivo que se produce de forma natural no subsolo e penetra nas edificacións
Santiago de Compostela

USC e a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) acaban de asinar un acordo de colaboración que permitirá coñecer a exposición ao radon das persoas traballadoras nas empresas galegas. A exposición ao radon (Rn-222) é un problema que afecta especialmente a Galicia, xa que, xunto con Estremadura, é a comunidade con maior presencia deste isótopo radioactivo, que se produce de forma natural no subsolo e penetra nas edificacións, traendo consigo un factor de risco para a saúde.

O convenio subscrito agora entre a CEC e a USC, a través do Laboratorio Radon-Área de Saúde Pública, permitirá ás empresas asociadas e organizacións, o acceso a medicións de gas radon en base a criterios de calidade e competencia técnica a través de laboratorio de referencia a nivel internacional.

Reducir a exposición

A exposición a radon en espazos interiores é un problema que afecta a todo o territorio galego, tal e como recolle a autoridade de protección radiolóxica (Consello de Seguridade Nuclear) polo que son necesarias intervencións que permitan reducir dita exposición, tanto no ámbito residencial como laboral. Estas medicións deben realizarse seguindo as recomendacións legais vixentes tanto no Código Técnico de Edificación (RD 732/2019) como na Directiva Europea 2013/59 EURATOM pola que se establecen normas de seguridade básicas para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes.

Laboratorio de Radon

O Laboratorio de  Radon de Galicia, pertencente á Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, está acreditado para a medición de radon en aire pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). É, ademais, o único de España acreditado para a medición de radon continuo e realizou miles de medicións no sector empresarial galego durante os últimos anos en colaboración cos servizos de prevención de riscos laborais.

Así, o Laboratorio de Radon de Galicia realizou máis de 4.500 medicións en diferentes puntos de España, tanto en vivendas como en edificios singulares. Con parte destas medicións elaborouse o Mapa  Galego de Radon, que presenta as concentracións deste gas en cada municipio da comunidade galega. Este estudo permitiu concluír, segundo explica o Laboratorio, que Galicia é unha zona de elevada contaminación interior por radon e que é necesario adoptar medidas para reducila.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2021.