A USC e a Confederación de Empresarios de Galicia impulsarán unha escola de debate sobre temas de actualidade no ámbito laboral e fiscal

A USC e a Confederación de Empresarios de Galicia van impulsar conxuntamente unha escola de debate que sirva para a reflexión sobre temas de actualidade no ámbito laboral e fiscal. Ademais, traballarán no desenvolvemento do proxecto Intrauni, unha intranet de axuda on line e posta a disposición de materiais da denominada como Escola en Liña, que permitirá consultas concretas cos principais expertos da USC en cada ámbito. Ambas iniciativas forman parte do convenio marco asinado este martes 31 en San Xerome nun acto protocolario no que participaron o reitor Juan Casares e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla. As propostas recollidas no documento asinado, que promoveron o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, César García Nóvoa, e a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Mª Consuelo Ferreiro, poñen de manifesto “sinerxías en temas de enorme dinamismo”, subliñou Juan Casares, o que define o propio carácter do convenio marco deseñado de xeito que se atenderan de xeito o máis próximo posible temas concretos e de actualidade. Ante os cambios vertixinosos do momento actual, son necesarias redes de colaboración, que “ entendemos como unha obriga que ofrece unha perspectiva rica e plural”, afirmou o presidente da CEG, para quen o acordo coa USC “fai máis forte á Confederación”. Os aspectos laborais e fiscais da liberdade de establecemento ou da libre circulación, as particularidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ou o traballo autónomo e o dependente son algúns dos temas sobre os que a Universidade e a Confederación farán versar as xornadas, seminarios e encontros que nutran de contido o acordo marco. Outros temas aos que se podería prestar atención son os relativos á defensa da competencia e límites na negociación colectiva da empresa, mecanismos de mellora da flexibilidade interna e externa das empresas, a resolución extraxudicial dos conflitos laborais ou a simplificación da prevención de riscos laborais, entre outros. No ámbito específico do Dereito Tributario, as propostas de debate poderían xirar ao redor do tax lease e os inventivos fiscais e axudas de Estado, o IVE das pequenas empresas e o ingreso por cobro, o réxime fiscal da pequena empresa familiar, a internacionalización da pequena empresa e o réxime fiscal das actividades transfronteirizas ou a simplificación do réxime fiscal, entre outras propostas iniciais. Cunha duración inicial dun ano prorrogable, as accións específicas deste convenio marco desenvolveranse por acordo entre as partes a partir de propostas nas que se dará conta da organización, cronograma e aspectos de financiamento. Por mutuo acordo dos asinantes poderán desenvolverse outras actuacións conxuntas que deberán ser incorporadas ao presente Convenio Marco.