USC, Confederación de Empresarios de Lugo e Caixa Rural Galega reafirman o seu compromiso coa investigación tecnolóxica luguesa

Dende o ano 1995, a Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo veñen colaborando co obxecto de promover actividades de investigación tecnolóxica e a súa difusión para, deste xeito, favorecer a interrelación entre as accións universitarias e as necesidades empresariais.
Tres décadas despois, e logo dos positivos resultados acadados, as tres entidades renovaron o convenio de cooperación nun acto no que participaron o reitor da USC, Antonio López Díaz; o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime L. López Vázquez.
Con esta colaboración en coñecemento tecnolóxico búscase acadar unha estratexia competitiva para a provincia de Lugo baseada nas ideas, produtos diferenciados e servizos a medida incidindo nas actuacións de I+D e innovación; actividades que contribúen a mellorar a competitividade nas empresas, o que á súa vez redunda en resultados positivos como poden ser a balanza comercial e o incremento de postos de traballo de alto valor engadido.
Como obxectivos principais, esta cooperación público-privada pretende difundir entre o profesorado do Campus de Lugo as convocatorias de proxectos de investigación así como de recursos humanos de I+D+i realizadas por distintos organismos e entidades, captar maiores recursos para áreas deficitarias, apoiar a creación de empresas de base tecnolóxica que teñen a súa orixe nos resultados de investigación obtidos no Campus de Lugo así como o emprendemento do estudantado e, por último, difundir os resultados dos proxectos e actividades de I+D+i do Campus de Lugo.
Neste acordo, para o que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros, a USC comprométese a achegar instalacións e persoal investigador e a transferir coñecementos á sociedade civil e ás iniciativas económicas que xurdan en relación co fin deste convenio. Pola súa banda, a CEL facilitará a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación da USC no Campus de Lugo entre os seus membros e colaborará na busca de socios empresariais.
Acordo coa Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas
No mesmo acto, o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Fundación Caixa Rural Galega, Tomás Notario Vacas, asinaron un convenio de colaboración polo que a Fundación dotará economicamente a convocatoria de dous contratos predoutorais con finalidade investigadora. Os detalles presentáronos xunto ao vicepresidente da Fundación Tomás Notario Vacas e presidente de Caixa Rural Galega, Alberto Cepeda Sáez e Salvador Diz Cerviño, respectivamente.
Tanto o reitor como o presidente da Fundación congratuláronse por este acordo de colaboración que permite incrementar a capacidade da USC para dotarse de persoal investigador, así como facilitar a persoas graduadas a posibilidade de realizar unha actividade investigadora remunerada que permita así mesmo a obtención dun título de doutoramento. O obxectivo é contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora, o desenvolvemento e a innovación universitaria, así como a calidade da educación superior, e en xeral do avance da sociedade a través da formación de novo talento científico e tecnolóxico.
O convenio e o contrato teñen unha duración de tres anos e a dotación económica será integramente sufragada pola Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.
A USC é a encargada de realizar a convocatoria, así como de realizar as contratacións e dar soporte á actividade investigadora dos contratados. Igualmente conformará a comisión de avaliación na que participará un representante nomeado pola Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.
Poderán concorrer á obtención destes contratos aqueles estudantes que estean en posesión dun título universitario de grao ou equivalente e de mestrado universitario ou equivalente que vaian realizar un plan de investigación nalgún dos catro eixos establecidos na convocatoria, relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixo transversal: produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal sostible, alimentación segura e saudable e, por último, xestión forestal sostible.