A USC conmemora o Ano Rodríguez Cadarso coa organización dunhas xornadas, unha mostra e a edición dun libro
As xornadas ‘Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ será unha das actividades centrais coas que a USC conmemorará en 2008-2009 o ano Rodríguez Cadarso, en recoñecemento ao que fora reitor da institución na década dos anos 30. A este encontro, hai que sumar a edición dun libro conmemorativo, unha exposición que se inaugurará o 17 de decembro, un cadro e diversas pezas musicais.
O vicerreitor de Cultura, Elias Torres, deu conta este martes 11 en rolda de prensa das distintas iniciativas programadas nun acto no que estivo acompañado polo investigador Ricardo Gurriarán e polos profesores Manuel Bermejo e Xosé Santos Solla, integrantes da Comisión organizadora das actividades.
Para o vicerreitor o conxunto de actividades programadas transcenden o carácter de homenaxe para representar unha “verdadeira pedagoxía da acción” coa que resaltar o que significou “e aínda significa Cadarso hoxe”, cualificado por Torres como “un dos exemplos máis importantes da modernización da Universidade, na docencia, na investigación, na relación coa cidade ou mesmo con Galicia”.
As xornadasA primeira das actividades que se vai poñer en marcha de xeito inmediato serán as xornadas ‘Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ que se estenderán ao longo de novembro, decembro e xaneiro van lembrar a figura do que fora reitor da Universidade de Santiago entre 1930 e 1933. As xornadas inclúen na súa programación un total de tres táboas redondas, dúas conferencias e a celebración do VI Coloquio Internacional sobre Campus Universitarios e a súa Integración na Cidade.
No caso das táboas, a primeira delas será este mércores 12 no Paraninfo da Universidade para profundar no contexto histórico no que Cardarso desenvolveu o seu labor. Na mesa, moderada por Manuel Bermejo, intervirán Prudencio Viveiro Mogo, Rafael Sixto Edreira e Darío Villanueva. A cita será no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia a partir das 19:30 horas.
As outras dúas táboas redondas celebraranse os días 19 e 26 de novembro e permitirán coñecer o perfil profesional e o labor institucional desenvolvido por Rodríguez Cadarso. Pola súa banda, as conferencias dos días 3 de decembro e 14 de xaneiro centraranse na súa faceta como docente e investigador na Facultade de Medicina.
Finalmente, o Coloquio sobre Campus Universitarios os días 19 e 20 de xaneiro de 2009 permitirá o intercambio de ideas e experiencias no relativo á integración dos campus universitarios nas súas respectivas cidades, coñecendo de preto exemplos de boas prácticas e experiencias desenvolvidas en diversas cidades europeas e americanas.
Rodríguez CadarsoAlejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), impulsor do desenvolvemento do campus sur compostelán e da residencia de estudantes, foi catedrático de Anatomía na Universidade compostelá, tarefa que compaxinou co seu labor como deputado pola Organización Republicana Galega Autónoma durante a República, etapa na que se caracterizou polo seu apoio á autonomía de Galicia.
Vicerreitor da USC dende novembro de 1929 e reitor dende marzo de 1930, como responsable da institución pretendeu ligar a Universidade coa cultura e coa sociedade galega en xeral, favorecendo a súa modernización. Ademais do desenvolvemento do Campus Sur, durante o seu mandato fundáronse o Instituto de Estudos Portugueses e o Instituto de Estudos Rexionais, exemplos da súa vontade de intensificar as relacións con Portugal e de potenciar a entrada dos estudos sobre Galicia na Universidade, en colaboración con profesores e estudantes galeguistas e o Seminario de Estudos Galegos.