A USC conmemorará en 2009 o Ano Darwin
A Universidade de Santiago celebrará ao longo de 2009 o ‘Ano Darwin’ cun programa de actividades que conmemora os 200 anos do nacemento de Charles Darwin e os 150 da publicación da súa obra A orixe das especies.A institución compostelá quere darlle unha destacada significación tanto á orixe do darwinismo como ás teorías evolucionistas por ser elementos históricos que marcan a cultura contemporánea e que conforman a mentalidade actual en múltiples dimensións, sinalou o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, nun acto ante os medios de comunicación para presentar aos integrantes da Comisión universitaria responsable de desenvolver as diversas iniciativas que conmemorarán ambas as dúas efemérides.
Xunto ao vicerreitor nesta rolda de prensa interviñeron ademais o catedrático Francisco Díaz Fierros, os decanos de Medicina, Bioloxía e Ciencias da Educación, José María Fraga, Jaime Gómez Márquez e Luis Ferradás, respectivamente e a coordinadora de apoio á Investigación nas Áreas de Humanidades e C. Sociais e Xurídicas da Vicerreitoría de Investigación, Helena de Carlos. Todos eles, xuntos co profesor Manuel Bermejo e o doutor Ricardo Gurriarán, conforman a Comisión.
O ano Darwin na USC arrancará o 12 de febreiro de 2009 e incluirá unha exposición, ciclos de conferencias, mesas redondas e outros elementos de extensión didáctica e divulgativa que permitan significar que foi e que supuxo o darwinismo e por extensión o evolucionismo. O programa terá un carácter multidisciplinar o que explica a presenza na comisión de profesores e expertos procedentes de diversos áreas de coñecemento. Todos eles coincidiron en destacar a transcendencia dun feito que consideran como un fito da ciencia pola súa capacidade xeradora de debate non só no eido universitario senón por extensión ao conxunto da sociedade.
O decano José Mª Fraga explicou que foi na Academia de Medicina a finais do século XIX un dos lugares onde por primeira vez en España se debateron e estenderon as ideas propostas por Darwin na súa obra A orixe das especies da man do profesor González Linares. Neste senso, o propio decano anunciou que o profesor de Boston Thomas Glick pronunciará a comezos do mes de marzo de 2009 unha conferencia que se referirá ao pensamento evolutivo da obra de Novoa Santos.
O conxunto de iniciativas a deseñar abordarán de xeito especial a proxección das teorías de Darwin ao conxunto da sociedade, “non exenta de polémica”, segundo puxo de manifesto o profesor Díaz Fierros, e tamén á actividade universitaria onde o debate se desenvolveu cun fondo espírito crítico e honestidade científica. Neste senso, Helena de Carlos, en representación da Vicerreitoría de Investigación, destacou que un dos obxectivos cos que se deseñarán as actividades será o de alentar unha reflexión sobre o alcance dun corpo da investigación, aparentemente restrinxido, e que non obstante foi quen de influír noutras disciplinas ou modos de facer.
Pola súa banda, o decano de Ciencias da Educación Lois Ferradás salientou o compromiso deste centro e dos seus investigadores por contribuír, dende o punto de vista da construción do coñecemento e dos conceptos científicos, a un tema de especial interese e transcendencia como o presentado.